XULIO RíOS, COORDENADOR DUN A FONDO SOBRE CUBA

"Esta é unha gran oportunidade para saír dunha canella sen futuro"

Que horizontes se perfilan para a Cuba posbloqueo? Dende a illa, responden para o A Fondo que se cociña para esta quinta feira voces tan comprometidas co seu país como ignoradas dende fóra.

Xulio Ríos recortada
photo_camera Xulio Ríos é director do IGADI

-Que enfoque lle quixeches dar a este A Fondo sobre a Cuba post bloqueo?

-Basicamente, quixen contextualizar e fixar os parámetros esenciais do novo tempo que está a vivir o país.

-O teu artigo titúlase “Cuba importános”. Por que Cuba é importante para nós?

-Hai moitos vínculos históricos e culturais importantes, pero importa, sobre todo, porque é o referente hoxe para calibrar a posibilidade aínda dunha evolución humanista á crise dos modelos socialistas.

-En que medida neste A Fondo se achegan claves diferentes ás que se barallaron, no noso contexto mediático, do momento que está a vivir Cuba?

-Procura dar voz a figuras internas, coñecedoras e comprometidas co seu país e a súa evolución endóxena, ignoradas fóra.

-Agás a túa, todas as colaboracións son feitas dende Cuba. Cal é o perfil das persoas que colaboran neste A Fondo?

"Cuba vai ter que introducir cambios importantes no seu modelo económico e iso terá consecuencias sociais e políticas."

-Ademais da colaboración dun experto estadounidense, procuramos achegar as opinións fundamentadas de economistas ou sociólogos que recoñecen as eivas internas e apostan por unha transformación que non perda de vista as orixes.

-Pódesme presentar brevemente ás e aos colaboradores deste A Fondo?

-Jared Larson é un profesor estadounidense que ven colaborando de vello co IGADI. Os profesores Julio Díaz e Ricardo Torres teñen un profundo coñecemento do funcionamento da economía cubana. Soledad Cruz é todo un referente na illa pola súa actitude crítica e ao tempo comprometida. Juan Valdés é toda unha autoridade como vén de certificar o recente outorgamento do Premio Nacional de Ciencias Sociais.

-Que temas concretos se abordan no suplemento?

-Préstase importancia á economía porque na solución deste problema reside gran parte das expectativas que rodean o proceso actual, pero hai unha visión transversal que afecta a todos os aspectos do presente e futuro cubano.

-Que te decidiu por Juan Valdés, o actual Premio Nacional de Ciencias Sociais en Cuba, como entrevistado? Que nos achega a súa visión?

Ten unha perspectiva realista e construtiva á vez do proceso a seguir e aposta por afondar no fortalecemento institucional con bases solidamente democráticas.

-Dende a túa perspectiva, nostalxia ou esperanza fronte aos cambios que se anuncian?

-Non hai motivos para a nostalxia. É unha gran oportunidade para saír dunha canella sen futuro.

-Na túa opinión, Cuba conseguirá o equilibrio entre unha maior apertura sen comer o cebo capitalista?

"É agora cando hai que elixir de verdade e o reto maior é ser capaz de construír un modelo con maiores doses de xustiza, de liberdade e de democracia sen perder a base humanista que fundamentou a revolución."

-Cuba vai ter que introducir cambios importantes no seu modelo económico e iso terá consecuencias sociais e políticas. Que axuden a construír unha sociedade cun novo equilibrio entre xustiza e liberdade dependerá de moitos factores, pero a clave última reside na propia sociedade cubana.

-Hai uns anos escribiches Cuba, independencia e revolución (edicións do Cumio, 1998). Se tiveras que escribir de novo un libro sobre Cuba, como o titularías? E que enfoque che prestaría darlle?

Poríalle unha gran interrogante. É agora cando hai que elixir de verdade e o reto maior é ser capaz de construír un modelo con maiores doses de xustiza, de liberdade e de democracia sen perder a base humanista que fundamentou a revolución.

Máis en COMUNIDADE SERMOS
Comentarios