ANA RÚA SOUTO COORDINA ESTE A FONDO

"O goberno galego non pelexa para defender as propias competencias en comercio"

Como David fronte a Goliat. Esa é a situación do comercio galego fronte ao titán neoliberal e centralista co que se enfronta. Entrevistamos a Ana Rúa Souto, ex directora xeral de Comercio e coordinadora do A Fondo desta semana.

Ana Rúa
photo_camera Ana Rúa

-Cal é a oportunidade de sacar neste momento este A Fondo sobre o comercio galego?

-En primeiro lugar, eu penso que este tema é propicio para calquera momento. Primeiro, pola importancia que ten, social e non só estrictamente comercial. En segundo lugar, están saíndo unha batería de normas, constantemente, pinga a pinga, que invaden as competencias de Galiza nesta materia. O  colofón último (que non o derradeiro) foi o decretazo Omnibus que veñen de publicar estes días e que reforma unha cantidade inxente de normas, e supón unha nova volta de porca en materia de liberalización de horarios, que eu coido nefasta para o comercio galego pois dirixe a compra aos grandes grupos de distribución e prexudica os pequenos comerciantes.

-Cales son as vantaxes do pequeño comercio?

-Abondosas: crea traballo estábel no país e constitúe o sustento de numerosas unidades familiares; tributa aquí e non corre o risco da deslocalización … En fin, o pequeno comercio é moi positivo para as nosas economías locais, e polo tanto, para a economía galega. Ademais, contribúe a crear cidades e vilas cohesionadas, compactas, convivenciais e máis seguras … e saudábeis, do punto de vista ambiental e persoal.  Por certo, en contra da propaganda ao uso dos centros comerciais, hai que dicir que as grandes áreas non xeran máis que traballo precario, e nun tris deslocalízanse, amén de non tributar en Galiza.

-Que contidos poderemos encontrar neste A Fondo?

-Ademais de cuestións meramente técnicas, considerei que era importante abordar a importancia da política, e das cuestións normativas, sobre o sector. Faise política a golpe de BOE,  mesmo vía decretazos, que implican non pasar as normas polos diferentes parlamentos, o que lles resta calidade democrática. O que significa que cada día Galiza conte con menos competencias para decidir e abonda nun feito: a sociedade galega ten que facerse consciente de que necesitamos máis cotas de soberanía.

O decretazo "Omnibus" supón unha nova volta de porca en materia de liberalización de horarios, que eu coido nefasta para o comercio galego

-Mais tamén están neste A Fondo dous grandes temas pasto da polémica: as grandes superficies e a liberalización dos horarios.

-Quería que neste A Fondo se dese unha visión dos grandes temas que ocupan a axenda político-mediática en materia de comercio: horarios e grandes superficies. Abordamos, ademais, a influencia que ten a localización dos grandes centros comerciais na ordenación do territorio. Incluímos, así mesmo , a visión dos comerciantes a través da entrevista que lle fixemos a Xosé Bangueses, presidente do Foro Galego de Comercio. Tamén me pareceu de interese introducir a perspectiva do comercio dende un punto de vista máis paliativo, é dicir, das medidas que se poden adoptar para a súa mellora na situación actual.

-Neste A Fondo analízase polo miúdo o efecto das políticas centralizadoras sobre a realidade específica e diferencial do comercio galego…

-E que Galiza non é Castilla. Non o é, por exemplo respecto do asentamento da poboación. Galiza ten ao redor de 35.000 núcleos de poboación, característica propia e específica do noso país; un sinal máis dos múltiples que configuran a nación galega como un todo. A implantación dunha gran superficie nunha vila castelá non ten a repercusión supramunicipal que pode ter en Galiza. O 30% da poboación galega supera os 65 anos. Como garantir unha igualdade á hora de abastecer a toda a poboación cando ti fas unha política que deriva o comercio ás áreas periurbanas? A cidadá ou o cidadán de 65 con problemas de mobilidade, se non ten auto para desprazarse, como accede a ese centro? Outro feito diferencial, e que debera terse en conta á hora de estabelecer os períodos de rebaixa, é o clima; mais é algo que debe acordar todo o comercio… Cada país necesita dunha lexislación acaída á súa realidade.

-Que medidas coidas que sería máis importante adoptar con respecto ao comercio galego?

-Imos ver; o máis grave problema actual do comercio galego é que non vende. Estamos perante problemas económicos xerais que sinalamos ao longo dos artigos deste A Fondo. A maiores, e de forma específica, requírese dunha política comercial que pense por e para Galiza; que dentro dos cada vez máis estreitos marcos establecidos por unha UE teimuda co mantra da “unidade do mercado”, no labor de adecuación das correspondente normativa interna, actúe conforme a unha realidade propia, específica e acaída. Se o goberno do Estado realiza unha interpretación inflexíbel da normativa europea e o goberno galego practica ese seguidismo que o caracteriza … pois non hai nada que facer. E digo isto, con independencia de que, xa de principio, o modelo europeo é nefasto para o pequeno comercio. A partir de aí, tamén está claro que o propio sector debería adoptar unha actitude participativa e reivindicativa masiva, mais por razóns que xa explicamos, isto aínda non se produciu. E a liberación vainos machucar.

Quería que neste A Fondo se dese unha visión dos grandes temas que ocupan a axenda político-mediática en materia de comercio: horarios e grandes superficies.

-Da túa etapa como directora xeral de Comercio no bipartito, que lembras de maneira máis positiva e cales son os recordos máis agres?

-Ben, esa foi unha etapa que xa pasou; mais lembro moitas medidas que custou moito traballo introducir (primeira Lei de Horarios Comerciais de Galiza; o proxecto de Comercio Rural Galego; o primeiro paso do Selo Galego de Comercio; moitas actuacións formativas, informativas e divulgativas …) que se implantaron de maneira moi efectiva, estruturais e máis conxunturais, moi satisfactorias. Como o foi, tamén o trato coa base do sector, co funcionariado e con moitas compañeiras e compañeiros que puxeron traballo e entusiasmo nas tarefas de goberno e que me acompañaron eses anos. O que si me resultou, bastante “agre”, como di vostede, foi que despois do traballo e esforzo realizados para que a nova lei de comercio fora adiante, finalmente quedara conxelada ás portas do Consello da Xunta. Foron 3 longos anos con ela elaborada que, finalmente, non deron o seu froito. Mais o actual goberno puido retomala e non o fixo e a Lei que, ao fin, impuxeron é fielmente coherente co ideario que defende: neoliberal e obediente ao mandado estatal.

-Houbo proxectos que quedaron paralizados coa chegada do goberno de Feijóo…

- Quedou paralizado o proxecto de comercio rural, o selo galego de comercio, a web de comercio electrónico, que estaba tendo moito éxito e estaba pendente dunha campaña para posicionala. Adiantábase ao que despois veu con Amazon ou con webs das grandes marcas, estas si convenientemente publicitadas polos xornais convencionais, como a de Zara. Por outra banda, as axudas diminuíron. E o que para min é máis importante: o goberno galego é absolutamente obediente ás directrices estatais, e non pelexa para defender as propias competencias, que son escasas, pero existen. Andalucía, Asturias, … recorren normativas estatais. En Galiza só hai silencio e subordinación. E así nos vai …

-En quen farías recaer as responsabilidades da actual liberalización e uniformización?

- Nunha Unión Europea servil aos grandes grupos de distribución e ás transnacionais. E aquí ao PP, que as aplica ao pé da letra; e ao PSOE.  Ambos partidos están a favor da unidade de mercado para a Unión Europea, tal e como puden e podo constatar día tras día.

- Por que “floreceron” durante estes anos as grandes superficies en Galiza?

Mire, o que o sector do pequeno comercio e a sociedade no seu conxunto debe saber é que os grandes grupos de distribución deseñan as súas estratexias de expansión con anos de antelación e que en tempos da chamada “burbulla inmobiliaria”, moitas operadoras comerciais decidiron expandir os seus negocios especulativos, ao tempo que forzaban unha normativa acaída ás súas pretensións, Unión Europea mediante. De aí saíu a famosa Directiva Bolkestein, de liberalización do comercio e servizos, aprobada en 2006.

-E Galiza, por que normas se rexía?

-En Galiza non había apenas lexislación comercial, que databa de 1988, mentres que a partir do ano 2000, xa moitas CCAA do Estado, usaran as súas competencias regulatorias. Pois ben, en Galiza, só había un decreto do ano 96 sobre esta materia que foi rebaixado no 2003, xustamente para facilitar as implantacións que se aveciñaban e que xa estaban negociadas coas diferentes administracións galegas, sobre todo vía concellos. Cando o BNG entrou no goberno a situación era tremenda: unha “explosión” de solicitudes para implantar grandes establecementos individuais integrados nos macro-centros xa negociados cos concellos e sobre os que a Xunta de Galiza non tiña competencias ningunhas. Como parar isto? A través dunha Lei de Ordenación do Comercio Interior de Galiza. E Así se fixo. En 2006 o anteproxecto estaba elaborado, mais non foi a termo. As razóns? Coido que están máis ou menos explicitadas no meu artigo deste “A Fondo”. Permítame non afondar máis …

Máis en COMUNIDADE SERMOS
Comentarios