Deitamos un ollar AFondo sobre os novos medios para facer país

O suplemento de análise do semanario Sermos Galiza pon o foco, desta vez, na situación dos chamados medios alternativos e comunitarios da Galiza, abondando en experiencias como Irmandade TV, Cuac FM, Radiofusión ou GZVideos.info.

capa afondo
photo_camera capa afondo

Son considerados, neste A Fondo coordinado por Aurélio Lopes, medios imprescindíbeis para a construción e o avance do país, para poder informarnos e interpretar a realidade dende unha perspectiva allea aos grandes intereses políticos e económicos  cos que comungan os grandes grupos mediáticos.

O artigo de Irmandade TV afonda nas dificultades e retos dun medio nacido do compromiso coa propia terra. Un proxecto audiovisual, ligado á rede, que se define modesto e audaz, apoiado no traballo dende a base e para a base, e situado nas coordenadas políticas do soberanismo.

Bernal Rúa, videógrafo e membro de GzVideos.info, afonda no binomio militancia e comunicación política. Alude ás dificultades , nun contexto de concentración mediática e saturación informativa, para visibilizar o discurso do movemento nacional-popular, e insiste na importancia da capacitación en habilidades comunicativas da militancia.

Mariano Fernández Cabarcos, cofundador de Cuac FM e ex coordenador de Lexislación e Dereito á Comunicación da Rede de Medios Comunitarios (ReMC) afonda nas dificultades que abordan estes medios nacidos da comunidade e para a comunidade no estado español.  Destaca, así mesmo, a existencia dunha clara intencionalidade de manter na periferia os medios do Terceiro Sector.

Colaborador tamén en Cuac FM, Iago Martínez reflexiona dende a súa experiencia como xornalista en medios comunitarios. Desenvolve os motivos polos que que as e os xornalistas deben estar nos medios comunitarios e activistas: porque o considera o seu deber, porque un tempo de emerxencia demanda posicións de emerxencia, e tamén porque é unha experiencia gozosa.

Henrique Sanfiz Raposo, director de Radio Fene Radiofusión, aborda a importancia das radios locais en Galicia, e incide no seu compromiso coa potenciación da lingua e da cultura. Cualifícaas como unha aposta de futuro en tempos de crise.

Marcos Maceira, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, defende a importancia dos medios de comunicación para dar pasos adiante na defensa da lingua e denuncia o uso cada vez máis habitual do español na propia CRTVG.

Da televisión pública galega, e da manipulación sistemática dos seus informativos, fálannos tamén as e os traballadores deste medio que colaboran co blog "eunonmanipulo"

Na súa conclusión, o A Fondo anima á  construción dun grupo multimedia nacionalista, xurdido da alianza dos medios que hoxe en día, e a contracorrente, navegan en chave de país.

Máis en COMUNIDADE SERMOS
Comentarios