COORDENADO POR ESCULCA

Un A Fondo sobre a criminalización da pobreza

Concellos como A Coruña ou Betanzos xa sancionan a quen procura o sustento entre o lixo. Neste A Fondo analizamos as políticas de criminalización da pobreza. Disponíbel na nosa loxa por apenas 50 céntimos.

Na Galiza, concellos como A Coruña ou Betanzos están a adoptar políticas de criminalizacón da pobreza que sancionan mesmo a quen procura no lixo comida para subsistir. É a nova maneira de agochar baixo a alfombra os propios males que a sociedade da opulencia xera. EsCULcA, o Observatorio para a Defensa dos Direitos e Liberdades, coordena o A Fondo desta semana, que analiza o trasfondo ideolóxico e a manipulación legal e mediática por tras estratexias de criminalización da pobreza, así como a situación en que viven dous colectivos que a sofren de maneira especial, a poboación xitana galega e @s ciganos que migran dende Romanía.

O profesor de Dereito Penal José Ángel Brandariz analiza o sustrato ideoloxíco do que parten estas políticas de sancións. "A razón fundamental da sanción do emerxente cartoneirismo ─di─ é a visibilidade da pobreza. A pobreza visíbel considérase incompatíbel co modelo da cidade marca".

"Analizamos o trasfondo ideolóxico e a manipulación legal e mediática por tras estratexias de criminalización da pobreza"

O presidente de Esculca, Fernando Blanco Arce, repara polo miúdo no modelo de sancións aplicado na Coruña e Betanzos e tacha de desviación de poder a utilización de ordenanzas de xestión de residuos municipais para unha finalidade, a persecución da marxinalidade, que non está no espíritu inicial da norma.

Dende o portugués Instituto Superior da Maia, Silvia Gómes descóbrenos os estereotipos presentes nas representacións mediáticas, así como, dende os cárceres, a visión das propias persoas marxinalizadas, que leva a comprender as razóns estruturais ─a desigualdade─ por tras da razóns que os levan a rematar entre reixas. "As notícias mostram que os africanos, imigrantes do leste e indivíduos de etnia cigana são geralmente transgressores, jovens e do sexo masculino", explica Sílvia Gómes.

A poboación cigana galega e romanesa

Das problemáticas que afectan á poboación cigana na Galiza falan, neste A Fondo, Rocío Botana Iglesias e Laura Rial Cubero, de Arquitectos Sen Fronteiras. "A recollida de chatarra e cartón ─apuntan─ é perseguida por ordenanzas municipais con sanción de multa tras a entrada no negocio da xestión de residuos de grandes empresas".

"O caderno de análise abonda na situación da poboación xitana galega e d@s ciganos que migran dende Romanía"

Na situación da poboación cigana migrada na Galiza detense Belén Arranz, da asociación Diversidades, que foi entrevistada para este A Fondo polo sociólogo Santiago González Avión. Arranz entrou en contacto co colectivo en 2005 e comezou a traballar con eles cando se deu conta de que eran @s máis marxinad@s entre @s marxinados. "Cos restos do que nós tiramos da leituga, comen. Até iso lles queremos negar?", pregúntase.

"Se antes as persoas sen-abrigo non facían parte da chamada "poboación perigosa", agora son, coa crise a sementar pobreza e marxinalización, un novo inimigo da mira dos poderes públicos", destaca Esculca nas conclusións do caderno de análise de Sermos Galiza.

Máis en COMUNIDADE SERMOS
Comentarios