UN A FONDO ELABORADO DENDE A ILLA

Cuba, nostalxia ou esperanza?

Que expectativas, que retos e que medos se abren para a Cuba posbloqueo? Analizámolo no A Fondo desta semana, coordenado por Xulio Ríos, o director do IGADI. Disponíbel na nosa loxa.

O A Fondo desta semana foi elaborado case na súa integridade dende a Illa por voces de fondo compromiso co seu país mais que apenas son escoitadas fóra. Tal é o caso do sociólogo Juan Valdés, que vén de recibir o Premio Nacional de Ciencias Sociais e Humanísticas de Cuba, ou de Soledad Cruz, escritora e ex representante de Cuba ante a UNESCO.

"Cuba impórtanos", reivindica Xulio Ríos no caderniño, e non só polos vencellos históricos que nos unen a ela, senón porque "é o referente hoxe para calibrar a posibilidade aínda dunha evolución humanista á crise dos modelos socialistas". "La Habana ─afirma─, encara a necesidade de repensar o modelo en busca dun novo equilibrio entre eficiencia económica e xustiza social".

UN A FONDO ELABORADO DENDE A ILLA

O A Fondo desta semana debrúzase sobre os factores políticos e económicos que influirán na realidade da Cuba posbloqueo. No económico, e a o redor do desenvolvemento produtivo na illa, fai unha análise de fondo Ricardo Torres, profesor no Centro de Estudos da Economía Cubana, da Universidade da Habana. Para el, "o impacto económico dos cambios nas relacións entre Cuba e Estados Unidos pode ser positivo pero non resolverá os problemas fundamentais".

"A UE estivo subordinada á política exterior de EEUU cara a Cuba e seguirao estando", afirma o sociólogo Juan Valdés na súa entrevista par ao A Fondo desta semana.

Ao redor da evolución do modelo económico da illa fala Julio A. Díaz Vázquez, profesor titular e consultor no Centro de Investigacións de Economía Internacional da Universidade da Habana. Faino dende os momentos iniciais da Revolución e a presenza do Che como ministro de Industrias, até o momento presente, no que se fala da actualización do modelo económico, pasando pola influencia do leste europeo até a caída do Muro de Berlín e o Período Especial en tempo de Paz a partir dos 90.

ENTREVISTA A JUAN VALDÉS

"A UE estivo subordinada á política exterior de EEUU cara a Cuba e seguirao estando", afirma o sociólogo Juan Valdés na súa entrevista par ao A Fondo desta semana. Na conversa que mantén con Xulio Ríos, analiza os temores fronte o desbloqueo, o proceso de actualización económica, o papel da diáspora cubana en Estados Unidos e o proceso de actualización do modelo económico cubano.

O investigador estadounidense Jared D. L. Larson abonda nas relacións políticas entre Estados Unidos e Cuba, no contexto da política exterior norteamericana: "Se non funcionou ao longo de cinco décadas, se a meta desa política sempre foi a provocación da caída do réxime de Castro, había que cambiar a que claramente fracasou".

Pecha o A Fondo Soledad Cruz, ex representante de Cuba ante a Unesco, co seu artigo "Cuba-Estados Unidos: Outra pelexa cubana contra demos": "Xa en Cuba reapareceron os demos da consecución de diñeiro fácil, dos novos ricos, das tendencias consumistas, dos que por un puñado de dólares decláranse disidentes", afirma, para concluír en ton esperanzador: "Tampouco lle será fácil aos Estados Unidos o seu afán de acabar co exemplo de Cuba".

Máis en COMUNIDADE SERMOS
Comentarios