"Sermos vai a 40 páxinas para darmos cobertura a novos temas e afondar noutros"

A piques de cumprir dous anos do lanzamento á rede e aos quiosques de Sermos Galiza, conversamos con Xoan Costa, presidente do Consello de Administración, en relación ás últimas novidades que presenta o proxecto, a comezar pola ampliación no número de páxinas que, das 32 actuais, pasará a 40 a partir do vindeiro 13 de marzo.

DSC_0743
photo_camera Xoan Costa, conselleiro delegado de SG

A prensa escrita pasa, en xeral, por momentos de dificultade. A escrita en galego aínda máis. É realista que neste momento Sermos Galiza opte por unha ampliación a 40 páxinas?

Claro que é. Sermos Galiza é agora mesmo o único semanario en galego, a única referencia de prensa escrita nos quiosques e ...

 A única?

A única. Existen outras publicacións, normalmente de carácter mensal e formato máis de revista, mais en formato xornal, difusión nacional e periodicidade semanal non existe máis nada fóra de Sermos Galiza. De aí que esta ampliación responda á necesidade de dar cobertura a novos temas, a tratar con máis profundidade outros para, nunha palabra, Sermos Máis como di a campaña

 Non é iso nadar contra a corrente?

Non. Sermos Galiza estruturase en dous modelos informativos: un portal dixital e un semanario en papel. Mellorar a cobertura informativa nun, no semanario, non significa descoidar o dixital. Ben sabemos que a información de un e outro son complementares e ao mesmo tempo diferentes. Mesmo con, ou para, un público distinto. Alén diso é ben coñecido que o modelo de negocio de Sermos Galiza se basea no papel...

Proceden entón do semanario todos os ingresos? 

Os ingresos de Sermos proceden das vendas en quiosques, das subscricións e da publicidade, esta común a papel e dixital. O noso obxectivo é sustentar economicamente o medio a través das subscricións para non depender máis que dos nosos lectores e lectoras. Serán eles os que avaliarán, coa anovación ou non da subscrición, se o medio responde ás esixencias informativas que demandan

"O noso obxectivo é sustentar economicamente o medio a través das subscricións para non depender máis que dos nosos lectores e lectoras"

Como é o público de Sermos Galiza?

Pois é un público que procura en nós o que outros medios non lle dan. Unha das nosas premisas é dar voz a quen habitualmente non a ten. O propio modelo de empresa, con case 1000 accionistas tanto persoas como entidades, dá idea da composición do noso público.

Despois do lanzamento e a campaña de subscrición, conseguíronse xa asinantes suficientes?

Sermos Galiza é un medio que se está a consolidar. Aínda non temos, polo tanto, o número de asinantes necesario para sustentar o medio. Mais medramos segundo o previsto e consideramos que para final de ano isto pode ser posíbel.

Tense acusado Sermos Galiza de ser un medio partidario. Que ten que dicir a isto?

Que é verdade. Sermos Galiza é un medio partidario. Partidario de que Galiza conte con medios de comunicación propios, que falen de nós e do noso, sen interferencias alleas; partidario de que  o noso sistema educativo recolla a nosa realidade e non exclúa a nosa lingua; partidario de que Galiza sexa a dona dos seus recursos, etc. Sermos Galiza só quere ser prensa galega, cousa que o fai máis útil e máis necesario e xustifica o seu  partidismo.

"Penso que debe definirse como prensa galega aquela escrita e difundida en galego, con independencia da liña editorial que defenda"

Que quere dicir cando fala de “prensa galega”?

Verá, nos últimos tempos, sobre todo nos medios audiovisuais, é habitual ouvir nas tertulias e nos informativos expresións do tipo “Que di a prensa galega?”, comentando a continuación os titulares de publicacións realizadas na Galiza, con sede social na Galiza, con capital maioritariamente galego mais que non teñen nas súas páxinas nada de galego, refírome á lingua, ou en todo caso o mínimo para poder acollerse ás subvencións. Penso que non é bon manter esta confusión e que debe definirse como prensa galega aquela escrita e difundida en galego, con independencia da liña editorial que defenda. A outra, a escrita en español, non o será, por moi difundida que sexa, mesmo sendo a máis lida. A iso me refiro cando falo de prensa galega.

Finalmente, como convencería a alguén que aínda non é que se faga asinante de Sermos Galiza?

Pois con dous argumentos: O primeiro, que tome en consideración que Sermos Galiza naceu coa pretensión de devolver o galego aos quiosques, un territorio absolutamente abrasado, por utilizar o símil dos incendios, pola prensa en español. Cremos que só é posíbel “rexenerar” este campo con prensa propia, xestionada e dirixida por nós mesmos. Hai quen di que a prensa en papel xa está pasada de moda, que agora é a hora da prensa dixital. E en Sermos Galiza dicimos: pode ser certo que o futuro leve a comunicación por outros camiños distintos do soporte papel, e nós non queremos ficar á marxe. Mais tamén dicimos que mentres exista nos quiosques prensa escrita en español o galego tamén tamén ten que estar presente. E nisto non nos importa non ir “á moda”
O segundo, ten a ver coa idea de comunidade, de que isto ou o facemos entre todos e todas ou non será posíbel. Temos que escoller entre falarmos por nós mesmos, por nós mesmas, aínda que polo de agora sexa con voz baixiña, ou ficarmos silentes.  Por iso insistimos tanto na idea de que consolidar un medio en galego depende de ti.

Máis en COMUNIDADE SERMOS
Comentarios