TERCEIRO NÚMERO DO SUPLEMENTO "SOMOS GALEGO"

#137: como recuperamos un país que desaparece?

Esta semana, entregamos un Sermos Galiza de 48 páxinas, coa terceira entrega do suplemento que realizamos en parcería coa Mesa pola Normalización Lingüística. Tes o teu Sermos nos pontos de venda habitual e, como sempre, aquí na nosa loxa.

unnamed

‘Como recuperar un país que desaparece?’. Con este título debullamos no Tema da Semana unha realidade preocupante: o censo reflicte a perda de 14.744 persoas entre 2013 e 2014. Aliás, rexistra unha caída de 115 mil persoas menores de 35 anos no último lustro. Un feito que, combinado co aumento da esperanza de vida, deixa un país fortemente avellentado. Hai saída á crise demográfica? Un artigo de Rubén Lois -”As múltiples caras do avellentamento demográfico”- acompaña a reportaxe a dupla páxina.

En ‘35 'prestiges' ao día a 38 millas da nosa casa’ falamos como cada ano pasan fronte ás costas galegas uns 13.000 buques con mercadorías perigosas. Barcos que transportan petróleo, gas, produtos químicos ou radioativos. Mais Galiza segue sen ter competencias nun tema de tal calado.

O cártel do leite e a millonaria multa a 11 empresas lácteas é un tema que analizamos neste número. Competencia multounas con 88 millóns de euros por 13 anos de estratexias ilícitas para baixar prezos e presionar os gandeiros. A industria gañou 816 millóns cunhas prácticas que evidencian o gran poder coercitivo de industria e distribución que se agocha baixo a pantalla do libre-mercado. Unha pregunta que se fai a produción é para onde ollaba a Xunta durante estes 13 anos de prácticas fraudulentas.

Achegamos a crónica sobre o 10 de marzo, ‘Día da Clase Obreira Galega’ ; viaxamos da man do colectivo Xea pola boca norte da Ría de Arousa, explicamos o devalar cultural de Vigo en ‘A cultura non se inaugura’...

Un premio da ONU

Contamos como a cidade de Pontevedra festexa o seu premio da ONU. "Fomos capaces de levar a cabo un proxecto colectivo", afirma Miguel A. Fernández Lores, alcalde pontevedrés.

En ‘Extintivos' Antón Lopo lévanos onda o escritor Xulio Calviño. O autor da desbordante novela 'Carpe Diem', que leva doce anos de aislamento voluntario, asegura que o baleiro absoluto nos libera da mentira. “Terán que volver os bárbaros para liberarnos”.

Mais non fica aquí a cousa. Tamén entrevistamos o actor, director e autor teatral ourensán Vicente Montoto, que será homenaxeado nos premios María Casares.

E a contra-capa partillámola con Declan Matthews, hostaleiro irlandés que leva 25 anos en Galiza. “Irlanda conseguiu que súa Festa Nacional sexa celebrada en todo o mundo”.

O A Fondo e o Somos Galego

Sermos continúa a realizar un grande esforzo editorial para oferecer cada día máis á súa comunidade leitora. Así, neste número 137 saímos á rúa con 48 páxinas, ao incluírmos, alén do habitual caderno de análise A Fondo, a terceira entrega do suplemento Somos Galego que realizamos en parcería coa Mesa pola Normalización Lingüística.

No Somos Galego levamos á capa a batería de propostas, até 6, de medidas urxentes que recentemente ten apresentado a MNL para "revitalizar a lingua". Aliás, informamos de que Queremos Galego anima a aumentar a presión social após o grande sucdso da "macromanifestación do 8 de febreiro".

A realización dun videoclip en Carballo para celebrar os aniversarios en galego é outro dos conteúdos desta terceira entrega do Somos Galego.

Máis en COMUNIDADE SERMOS
Comentarios