O TSXG deixa sen efecto o derrubamento da Cruz do Castro

Após estimar o recurso presentado polo Concello de Vigo afirma que o monumento non exalta o golpe de estado do 36 nen a ditadura franquista.

Cruz do Castro
photo_camera Cruz do Castro [Imaxe Vigo Oculto]

Esta terza feira (10 de febreiro) o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) revogou a sentenza que ordenaba o derrubamento da Cruz localizada no Monte do Castro, en Vigo. 

Desta maneira a máxima instancia xudicial do noso país deixa sen efecto a decisión adoptada polo Xulgado do contencioso-administrativo nº2 e que fora recorrida polo goberno local de Abel Caballero (PSOE). 

Segundo o tribunal o monumento non supón unha exaltación do golpe de estado de 1936 nen tampouco da ditadura franquista "unha vez desaparecida toda simboloxía franquista", senón que "á marxe das crenzas que motivaron a súa construción, como moitos outros monumentos ao longo da historia da humanidade, han de levar ao coñecemento e a reflexión" das xeracións presentes e futuras. 

A sentenza di que "á marxe das crenzas que motivaron a súa construción, como moitos outros monumentos ao longo da historia da humanidade, han de levar ao coñecemento e a reflexión"

Segundo a sala a Cruz ha de considerarse un símbolo "representativo de ambos os dous bandos" polo que revoga o seu derrubamento. Cumpre lembrar que o conflito da Cruz do Castro fora levado perante os tribunais pola Asociación viguesa da memoria do 36 que, en cumprimento da Lei de Memoria Histórica de 2007 exixían fose retirada. 

Voto particular

A sentenza do TSXG contou co voto particular dunha maxistrada quen considera que si debe ser derrubada. A xuíza Cristina María Paz Eiroa sinala que o labor da sala non é "reabrir un debate" senón o de "revisar a sentenza" que di, "é clara, precisa, congruente e en especial motivada". 

Así, sinala no documento incorporado á sentenza do Superior de Xustiza a decisión adoptada en primeira instancia axústase "ás regras da lóxica e da razón" para alén de "dar bon exemplo do que a Lei de axuizamento civil ordena" polo que pide a desestimación do recurso interposto polo Concello de Vigo. 

A Asociación memoria do 36 estuda recorrer

Pola súa banda desde a Asociación memoria do 36 aseguraron que están a estudar a posibilidade de presentar recurso quer de casación quer de amparo perante unha sentenza "de baixa calidade", asegurou o avogado do colectivo, Guillermo Presa, en declaracións recollidas pola axencia Europa Press. 

No entanto, o letrado afirmou que será "extraordinariamente difícil" conseguir un fallo favorábel ao derrubo após o acordo adoptado pola sala do contencioso-administrativo do TSXG. 

Comentarios