PP e PSOE impiden a retirada da cruz franquista do Castro de Vigo

A imaxe da cruz do Castro continuará impóndose sobre a cidade de Vigo. Os doce metros do símbolo franquista seguirán presidindo o popular parque situado fronte ao Concello, sinalando o punto cero da represión, despois de que o pleno rexeitara grazas á abstención do PSOE e á oposición do PP a proposta do BNG que reclamaba o seu derrube.

Cruz do Castro
photo_camera Cruz do Castro

O pleno do Concello de Vigo rexeitou a proposta que o BNG de derrubar a cruz do Castro,  cabalo de batalla desde hai anos do movemento asociativo de recuperación da memoria histórica na cidade.O grupo nacionalista esixía o cumprimento da Lei da Memoria Histórica que contempla a eliminación dos símbolos franquistas que, en Vigo, teñen na coñecida como cruz dos caídos o seu maior emblema.  A cruz continuará presidindo o Castro, xusto fronte ao edificio municipal no que a abstención do PSOE e a negativa do PP permitían que o elocuente símbolo continúe a homenaxear aos vencedores no espazo privilexiado dos paseos do franquismo. 

“Todas estas reivindicacións son unha cuestión de xustiza, que nos ten que facer asumir a nosa historia” sinalou Iolanda Veloso

Os doce metros de altura da cruz situada no popular monte do Castro sitúan o punto cero da represión en Vigo, o lugar dos asasinatos franquistas, e o seu derrube é un dos principais retos de entidades como a Asociación Viguesa pola Memoria Histórica do 36 que desde hai anos teñen na desaparición deste monumento á exaltación do fascismo un dos principais retos das súas  reivindicacións. En especial, a posición do PSOE e do alcalde Abel Caballero está a crear grande malestar en descendentes das vítimas da represión que continúan a protagonizar mobilizacións no Castro esixindo a súa retirada. Acusan a Abel Caballero e ao grupo socialista no concello de desatender as indicacións da Lei da Memoria Histórica, aprobada no goberno de José Luís Rodríguez Zapatero e piden ao PSOE galego que aclare a súa posición con respecto ao tema, agora na mesa do novo secretario xeral do PSOE galego, Gómez Besteiro.  

A cruz foi inaugurada por Franco en 1961, promovida pola Falange, e non conta con ningún tipo de protección patrimonial como ben artístico. Tanto PP como  PSOE botaron man dun acordo municipal tomado en 1981 no que se aprobara que a cruz representaba a todos os caídos para xustificar a posición que unha vez máis  impide o seu derrube e perpetúa na cidade o maior símbolo de ostentación da represión de Franco. 

A moción do BNG que foi debatida no pleno reclamaba tamén a “revisión exhaustiva” dos nomes do rueiro de Vigo co fin de eliminar o recoñecemento de personaxes que participaron na represión e no réxime franquista e mudalo por persoas que defenderon a liberdade e a democracia. 

“Todas estas reivindicacións son unha cuestión de xustiza, que nos ten que facer asumir a nosa historia” sinalou a voceira nacionalista Iolanda Veloso, arredor dunha iniciativa que recollía o apoio ao xuízo que ese desenvolve na Arxentina contra os delitos de xenocidio da ditadura franquista e a colocación dun panel explicativo próximo aos restos do capitán Carreró no que se indentificara como criminal fascista. 

Comentarios