Senunpeso dá unha segunda oportunidade aos aparellos tecnolóxicos

A asociación que naceu en 2009 co obxectivo de organizar o Laboratorio Audiovisual de Vedra (LAV) realizará o 23 de febreiro un mercado para intercambiar, mercar e vender produtos de segunda man máis ou menos relacionados co audiovisual. A fin de semana anterior terá lugar a Mostra Audiovisual LAV013.
RevoLAB da Asociación Senunpeso
photo_camera RevoLAB da Asociación Senunpeso

Traballar desde o rural para difundir o audiovisual foi un dos obxectivos cos que naceu no 2009 a Asociación Senunpeso. Na edición deste ano recollen unha proposta moi orixinal: un mercado no que trocar, mercar e vender produtos de segunda man máis ou menos relacionados co audiovisual. A participación é de balde e calquera pode achegar aparellos tecnolóxicos que teña na súa casa (cámaras de foto e vídeo, reprodutores de audio ou vídeo, computadores, pantallas, adaptadores, cables, complementos...), CDs, vinilos, DVDs, cintas VHS e casettes, mesmo roupa susceptíbel de empregarse para o cine.

A xornada vaise realizar no Centro Social da Terceira Idade de Vedra o sábado 23 de febreiro de 16:30 a 21 horas. No mercado tamén haberá música (Malasombra e a Requinta da Laxeira), charlas (Paulo Rubido falará de “Enerxía senunpeso”, O Zulo sobre “Redes libres: internet senunpeso” e César Lema sobre “Calorías, vatios, e outras formas de gastar os cartos”), teatro con Simone Negrín e monólogos con Avelino González e Carlos Santiago.

Calquera pode achegar desde cámaras de foto e vídeo até vinilos, DVDs ou mesmo roupa susceptíbel de empregarse para o cine.

Mostra Audiovisual LAV013

A fin de semana anterior terá lugar a Mostra Audiovisual LAV013, tamén no Centro Social da Terceira Idade de Vedra. O sábado 16 de febreiro proxectaranse as pezas “A Wonderful Mission”, de Fernando Lema e Pallasos en Rebeldía; “Nebra”, de Marisa Otero; e “Dez centímetros máis perto do ceo”, de Raquel Rey. O domingo 17, trala entrega de diplomas, presentarase e proxectarase a curta “Unhas clases do social a tempo”, de Pablo Cacheda. Todos estes traballos contan nos seus equipos con ex alumnos do LAV.

Obradoiros

O LAV013 inclúe dez obradoiros de formación audiovisual: o intérprete ante a cámara, documental web, vídeo de combate, loita escénica, podcast e radio en Internet, videoclips, son en producións audiovisuais, dirección artística low cost, animación stop motion e obradoiro para alumnado da ESO. Todos eles realizaranse na fin de semana do 16 e 17 de febreiro, cunha duración total de 14 horas e 15 prazas por curso. Neste momento están esgotadas as prazas en catro destes cursos.

.

Máis en Arte imaxe patrimonio
Comentarios