"Tomar consciencia de que todo é posíbel en galego permite cousas maravillosas"

Irreverentes. Así son LéRIA. Vindos de Lugo este grupo de música electrónica defínese como "ruído" e "furia" dentro das múltples contradicións do sistema. Non coñecemos as súas caras porque ao igual que Pet Shop Boys, din, "o mundo non está preparado" para velos en directo. Porén, si puidemos conversar con eles. Podes escoitalos en Radio Sermos.

LÉRIA
photo_camera Imaxes cedidas por LéRIA [mincinho]

Quen é LérRIA e como é a vosa música?

LéRIA é A besta da festa. É o proxecto lugués, no berce do dandismo galego, para encher de fachenda, lubricidade e elegancia os eidos musicais da Galiza. Xa está aquí quen vos ha de pór a bailar.

Definídesvos como "a evasión e máis a consciencia, o anti-patriarcado e o machismo". Como se comprende a contradición?

Somos seres contradictorios. Como indivíduos, levamos dentro forzas antagónicas en loita constante: a preguiza e máis a urxencia, o escuro e máis o escintilante ou, como di o noso cuarto single, o Bonito pero nazi. Esta tensión persoal de cada un de nós é, inevitavelmente, levada ao seo do conxunto musical. Os tres integrantes aportamos aí a síntese das nosas propias contadicións que entra, de novo, nun proceso dialéctico coas dos outros membros de LéRIA.
Son procesos que poden ser violentos, mais non necesariamente nun senso negativo, senón no dunha potencia descontrolada que cumpre canalizar de xeito creativo, cara a música, no noso caso. Ese é o desafio. Todo está cargado do seu contrário. Desa tensión dialéctica é que nacerá o mundo de mañá. E máis a música de hoxe.


Dedicades dúas cancións a Ulrike Meinhof, comunista alemá integrante da RAF. Que hai de Meinhof en LéRIA?

Ulrike Meinhof é o noso segundo single. Esta --non esquezamos-- xornalista dá nome ás dúas cancións nel incluídas. Coma Ulrike temos un aquel, indubidabelmente. E é que, coma ela, no ollar temos, si, temos gana de LéRIA. Gostemos ou non, poucas máis semellanzas temos con tan insigne teutona, con perdón, o cal nos impedirá inmortalizarnos no Olimpo das loitadoras do proletariado, mais tamén nos evitará unha longa estadía no caldeiro. Ou non, porque tal e como se está a pór a cousa, aquí todo o mundo é xa carne de cadea.

"Tal e como se está a pór a cousa, aquí todo o mundo é xa carne de cadea"

No vídeo de Ulrike tratades a problemática da violencia machista cunha muller que 'cociña' unha resposta ás agresións do seu marido. Explicádenos como xurdiu a idea e cal é a mensaxe que queriades contar.

Ben, poderíamos dicir que é a reivindicación integral dunha muller, desde o plano físico ao intelectual, pasando polo activista, dotándoa, así dunha caracterización poliédrica que vai alén da tradicional caricatura de terrorista que dela fai a historiografia oficial. Unha reivindicación musical que, trasladada ao eido videográfico, trataría de se ligar, de xeito lúdico e crítico a un tempo, coa realidade do noso país, marcada por múltiplas represións por parte do sistema capitalista-patriarcal que nos nos dá leña.  Mas a verdade é que se trata dum burdo intento de aproveitar o clamor social contra a violencia sexista em benefício da propia popularidade do conxunto. Com escaso éxito, cumpre dicir.

Malia a todo, sei que tedes tamén unha parte doce que aliás, expresades en catalán. Explicádeme como xorde Gominola, na súa versión feroz e tétrica.

O noso terceiro single, Gominola é unha tentativa desesperada e, como tal, condenada ao fracaso, de inducir unha persoa mediterránea ao fornicio. Como a Tétrica e inicial musicalización desta pretensión obscena podía provocar máis medo que mucosidade vaxinal, principiamos un dos devanditos procesos dialécticos, dos que xurdiu a versión Feroz da canción, que se axustaba máis á concepción primixenia do tema. Non hai que esquecer que o húmido non quita o feroz, como bem pode testemuñar qualquer persoa que teña sido vítima dunha faneca.

As ilustracións dos vosos temas corren a conta do artista mincinho. Como xorde a colaboración?

Comprácenos que nos fagas esta pergunta. Certamente, nós tíñamos xa algunha fama, non necesariamente boa, en determinados inframundos lugueses. Mais para dar con nós cumpria sabernos procurar --basicamente por certas barras de bar e WCs de cabaleiros. Pois ben, foi o propio mincinho quem se dirigiu a nós para se oferecer a ilustrar a nosa música, mesmo coma se tiver un interesse persoal niso. Non negaremos que houbo certo debate interno en LéRIA sobre se aceitar ou non a oferta dun artista que, inegabelmente, ten acadado unha outa repercusión nas camadas máis avanzadas artística e intelectualmente deste país, mais que, incuestionabelmente tamén, está en franca decadencia.

"Para dar con nós cumpria sabernos procurar, basicamente por certas barras de bar e WCs de cabaleiros"

Finalmente, optamos por mincinho no canto dunha aposta estética máis de vangarda por puro pragmatismo, para aproveitarmos a repercusión que ainda ten esta marca gráfica entre determinados sectores da audiencia; aqueles que se deixan levar polo ruido mediático, sen se decatar que están a seguir o cheiro que emana do que xa é un cadáver en proceso de putrefacción creativa. Boa mostra disto é que, ultimamente, a sua produción gráfica case que se limita ao traballo que fai para nós. Disque ten perdido todo contacto coa realidade e seica sofre de delírios de grandeza. Con dicer que pretende cobrar por publicaren as súas fotos na imprensa... Unha mágoa.

Dades moita importancia á lingua. Defendedes asemade a grafía internacional do galego. Neste senso o estilo musical co que traballades non acostuma a empregar a lingua propia...

Hai quen pensa que o galego serve apenas para ir coas vacas, cantar cantigas de labor e non cruzar o Padornelo. E hai quen pensa que en galego, ademais, se pode programar um xogo de computador, cantar porcopop e facer proposicións sexuais a todo o que se mova na praia de Ipanema. Sempre desde o respeito, claro. Tomar consciencia de que todo é posíbel en galego permite cousas maravillosas. Como, por exemplo, ir ao monte co portátil a actualizar a páxina da cooperativa agraria entanto non acaban de pacer as vacas. Cantarexándolle unha canción de sega a unha paseante local. En Matosiños.

"Facer música en galego é un esforzo extra. Un esforzo por ser."

Arredor disto, como valorades a situación da ligua galega no espazo musical do país?

Nunca tanta música en galego se fixo. Iso é un feito. E nunca de tanta calidade, ainda que só for porque, entre tanta cantidade, ten, por mera probabilística, que haber algunha calidade. Ora ben, lamentabelmente, facer música en galego é, aqui, un exercício de militancia. Coma pedir en galego o café no bar. Coma facer en galego um trámite burocrático. Coma, en xeral, vivir en galego na Galiza.

O “normal” neste país é que a música non sexa en galego, senón en castelán, ou mesmo en inglés. Porque o “normal” é que nada sexa en galego, fóra de determinadas reminiscencias pre-capitalistas, sexam estas costumes folclóricos ou persoas idosas. Polo tanto, facer música en galego é un esforzo extra. Un esforzo por ser.

"Calquera persoa galega ten moita máis información sobre bandas e cantantes em castelán que sobre músicas galegas"

Mais tamén é un esforzo escoitar música en galego (e ler en galego, e traballar en galego...). Calquera persoa galega ten moita máis información sobre bandas e cantantes em castelán que sobre músicas galegas. Os medios españois só informan de artistas e grupos galegos se cantan en castelán, agás contadas excepcións. E os medios galegos, nunha práctica que os define, limitanse, en xeral, a ecoar as reseñas que veñen de pasada Ponferrada. Para un medio galego, unha política/cantante/apresentadora/pesrsoa calquera só ten éxito se é aclamada polos poderes fácticos de Madrid. E os poderes fácticos de Madrid só aclaman a quen fala coma eles, en castelán. Ou en inglés, coa a súa superioridade.

Por iso, máis que salientar o esforzo de quen facemos música en galego, gostariamos de aplaudir o esforzo de quen, contra toda “normalidade”, fuchica na rede, nos centros sociais, nas rúas, aulas, bares e obradoiros até topar música en galego da que gosta. E escoitala.

"Gostariamos de aplaudir o esforzo de quen fuchica na rede, nos centros sociais, nas rúas, aulas, bares e obradoiros até topar música en galego da que gosta"

Para alén de escoitarvos en bandcamp e no soundcloud, cando poderemos vervos en directo?

Tamén temos unha canle de Youtube onde xa temos tres vídeos, un deles de produción propia. E, para alén, pódesenos seguir no Twitter e mais no Facebook. De seguida lanzaremos o noso quinto single, en inglés, co cal temos a intención de nos vender ao capital trans-nacional, saltando a intermediación pequeno-imperial. Chámase Colombian High (balada de Liliana e Matthew) e é un tema que provocará unha atípica unanimidade de uribistas, FARC e DEA na nosa contra.

Estamos, pois, acadando a madureza criativa e as masas comezan, é certo, a clamar por nos veren ao vivo para nos lanzaren as súas prendas íntimas enchoupadas de fluída admiración. Mas, dentro do amplo abano das nosas influencias musicais, cumpre destacar a dos insignes Pet Shop Boys, que tardaron arredor dunha década en dar o seu primeiro concerto ao vivo porque, simplesmente, o mundo non estaba preparado. Se o mundo estiver preparado para Léria, que vaia pondo os cartos riba da mesa.

NOTA: LéRIA exprésase publicamente na ortografia internacional da lingua galega. Esta entrevista foi redixida á grafia RAG pola redactora previo acordo co grupo.

Máis en Ao vivo
Comentarios