Conferencias e música para celebrar o 15º Aniversario da Asociación Cultural-Musical 'Solfa' de Fontiñas, en Compostela

A entidade musical do barrio compostelán realiza actividades musicais desde 1997 e estes días realiza unha aemana con audicións, concertos e conferencias.
Coro de Solfa en Fontiñas
photo_camera Coro de Solfa en Fontiñas

Quince anos dedicados ao ensino musical leva a Asociación Cultural-Musical 'Solfa' no barrio de Fontiñas. Como celebración organizaron unhas xornadas culturais con audicións, concertos e conferencias que rematarán o día 30 de xuño. Lucía Carreira, presidenta de Solfa, afirma "estar satisfeita de todos estes anos nos que comezamos con crianzas de tres anos". Esta entidade creouse no ano 97 e, desde esa data, centran o seu traballo na formación musical. Imparten clases para todas as idades de solfexo, canto e varios instrumentos (bombardino, saxofón, frauta, óboe, clarinete, tuba, trompeta, trompa, trombón, percusión e piano). Realizan as súas actividades no Centro Sociocultural e no CEIP das Fontiñas e contan cunha Banda de Música composta por 28 instrumentistas e unha agrupación coral formada por 30 persoas. O seu repertorio está constituído por obras de diferentes estilos, onde destacan as transcricións de temas populares galegos. Estes anos promoveron diversos concertos e intercambios culturais con outras agrupacións, bandas e corais. Ademais realizaron campamentos musicais con coutras entidades e compartiron actuación con seis coros e bandas da cidade no Auditorio de Galiza como xeito de fomentar a irmandade entre colectivos musicais de Compostela. "Aproveitamos para introducir novos temas musicais alén dos que cada unha ten", sinala a presidenta.

Imparten clases para todas as idades de solfexo, canto e varios instrumentos

As xornadas culturais comezaron onte con concertos e audicións de alumnas e alumnos ademais dunha conferencia de Manuel Rei sobre a "Vida e obra de Castelao". Hoxe falará a escritora Teresa Moure sobre o tema "Quen quere que falemos en masculino e por que?" e a quinta feira intervirá Xavier Vence para introducir o tema de "As estridencais da crise económica. Notas par unha simfonía alternativa". Todas as actividades terán lugar no Centro Sociocultural de Fontiñas e o peche será na Praza de Europa (Área Central).

Máis en Ao vivo
Comentarios