Unha muller e dous menores resultan feridos en Tui ao envorcar o vehículo no que viaxaban

Unha muller e os seus dous fillos menores, un deles un bebé, resultaron feridos nun accidente de tráfico ocorrido a última hora deste domingo na localidade de Tui (Baixo Miño). Segundo a información trasladada pola central de emerxencias do 112-Galiza, ocorreu pasadas as 21.30 horas, cando o vehículo no que viaxaban envorcou lateralmente, a escasos metros dunha pendente, á altura de Pazos de Reis. Foi o concesionario o que avisou a emerxencias ao ter coñecemento do sinistro polo servizo de alertas. Até a zona desprazáronse efectivos sanitarios do 061, así como unha dotación dos Bombeiros de Ribadumia e os GES-Bombeiros de Ponteareas. Tamén foron avisados os membros do GES de Mos, os Bombeiros de Vigo, os axentes de Tráfico, da Policía Local e os efectivos da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil da localidade. O persoal sanitario trasladou os tres feridos ao Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, mentres os membros do GES-Bombeiros de Ponteareas procederon a estabilizar o vehículo.
Centro de atención de emerxencias do 112 Galiza (Foto: Xunta).
photo_camera Centro de atención de emerxencias do 112 Galiza. (Foto: Xunta)
Comentarios