Morren case un centenar de porcos no incendio dunha granxa na Estrada

Case un centenar de porcos faleceron esta cuarta feira nun incendio rexistrado nas instalacións dunha granxa na Estrada (Terra de Montes). A alerta do 112 Galiza activouse arredor das 10 horas, cando o 061 avisaba de que se dirixía a esta granxa. Finalmente ninguén necesitou asistencia médica, mais houbo importantes danos materiais no illante do tellado da nave e a instalación eléctrica. Ademais o lume ocasionou a morte de case 100 animais, dos 200 que había na granxa. A empresa xestora das instalacións encargouse do traslado dos porcos que sobreviviron e da retirada dos que morreron. Fontes policiais situaron a orixe do lume nunha nave lindeira. O 112 tamén informou doutro incendio industrial, neste caso no municipio de Xinzo (A Limia), nunha fábrica de madeira do parque empresarial da localidade. Os bombeiros do parque comarcal de Xinzo foron os encargados de sufocar o incendio. Arderon dous silos de serraduras, posibelmente por un problema no sistema de extracción, mais non houbo feridos.

Granxa de porcos (Foto: Europa Press).
photo_camera Granxa de porcos (Foto: Europa Press).
Comentarios