O Concello de Lugo pendura a bandeira de Palestina da Casa Consistorial

O alcalde en funcións do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, acompañado de concelleiras e concelleiros, participou esta tarde nun acto simbólico, realizado por dous veciños procedentes de Palestina que residen en Lugo, no que se pendurou a bandeira de Palestina da Casa Consistorial. Arroxo explicou que “realizamos esta acción en cumprimento co acordo do pleno de decembro, como mostra da solidariedade do Concello e de toda a veciñanza de Lugo co pobo palestino”. Arroxo explicou que a bandeira foi pendurada de xeito simbólico, mais non permanecerá na fachada da Casa Consistorial debido ás restricións marcadas pola Lei de Bandeiras. “Buscaremos unha ubicación definitiva para a bandeira, como mostra do apoio a unha solución  pacífica para o conflito en Palestina”. Con esta medida, Lugo convértese, xunto con Girona e Málaga, nos únicos concellos de todo o Estado que penduraron a bandeira de Palestina da súa casa consistorial. Unha das veciñas de Lugo de orixe palestina que participou no acto é Yasmín Letum, a rapaza que fora expulsada en novembro da cancha do Breogán por exhibir a bandeira do seu país no partido contra o hapoel.

Palestina 2
Comentarios