A Carreira de Montaña de Viveiro regresa este sábado para homenaxear Ramón Blanco

A Carreira de Montaña polos Montes de Viveiro-Gran Premio Xacobeo, máis coñecida polo seu acrónimo Camovi,  regresa esta fin de semana -concretamente o sábado 20 e o domingo 21 de abril- para alcanzar a súa edición número 13, que segundo datos oficiais contará con, canto menos, 900 deportistas inscritas nas distintas modalidades que ofrece o certame.  Neste ano 2024 os percorridos argallados pola organización foron de 42, 21 e 10 quilómetros no plano individual; unha carreira de remudas de 42 quilómetros; a clásica andaina e unha proba denominada 'Camovi Kids', que ten como obxectivo fomentar o deporte entre os nenos e nenas. Efrén Castro, vicepresidente da Deputación de Lugo -entidade que colabora coa organización-, destacou no acto de presentación, que tivo lugar na sede da Delegación Territorial da Xunta, a "variedade de modalidades" e a "esixencia física" desta Camovi de 2024. O evento servirá, a maiores, para homenaxear o desaparecido alpinista ourolense Ramón Blanco, que faleceu o pasado mes de agosto aos 90 anos de idade. Emigrado en Venezuela e habitual da Camovi -a derradeira vez que participou foi en 2018, cando completou os 42 quilómetros a pesar da súa avanzada idade-, o seu nome saltou aos titulares de prensa en 1993, cando foi quen de coroar o Everest.
 
(Foto: Vicepresidencia Deputación de Lugo).
photo_camera (Foto: Vicepresidencia Deputación de Lugo).
Comentarios