O auditorio de Goián acollerá a VII Gala do Deporte de Tomiño

Tomiño reúnese un ano máis para celebrar os éxitos do seu deporte e de todas e todos os atletas do municipio, pois o Concello organiza este sábado, 3 de febreiro, a sétima edición da Gala do Deporte, "unha noite de encontro na que homenaxear a todas as persoas deportistas tomiñesas e premiar a aquelas que brillaron especialmente ao longo dos últimos doce meses". "O 2023 foi un ano repleto de éxitos deportivos para nós, cunha lista de logros que crece ano a ano e que fai aínda máis necesaria esta gala, un evento no que recoñecer o arduo traballo, a dedicación e o esforzo das nosas e nosos deportistas. Os premios son só a punta do iceberg dos innumerábeis éxitos acadados o ano pasado, por iso convertemos a gala no mellor escenario para festexar o talento deportivo tomiñés", segundo explicou o concelleiro de Deportes, Rubén García. O acto será ás 20.30 horas no Auditorio Municipal de Goián, con entrada aberta a todos os públicos, e o Concello convida "a colectivos, asociacións, clubs e cidadanía" a gozar dun evento que será presentado polo xornalista deportivo Terio Carrera.
(Foto: Concello de Tomiño).
photo_camera (Foto: Concello de Tomiño).
Comentarios