28-M

Formoso busca “dedicarlle tempo aos amigos e á familia” un día antes da cita electoral

O secretario xeral do PSdeG aproveitou a xornada de reflexión para “descansar” cun paseo en bicicleta polo seu municipio, As Pontes.

Formoso paseando en bicicleta nas Pontes (Foto: Nós Diario).
photo_camera Formoso paseando en bicicleta nas Pontes (Foto: Nós Diario).

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, aproveitou este sábado a xornada previa á cita electoral para dar un paseo en bicicleta polas inmediacións do Lago das Pontes.

Ademais, ten previsto acudir pola tarde ao derbi entre o Racing e o Celta B no estadio da Malata, en Ferrol.

O tamén candidato á reelección como alcalde das Pontes ofreceu unhas breves declaracións aos medios antes de iniciar a ruta en bicicleta coa que comezou a xornada de reflexión.

Despois de días “percorrendo as grandes e pequenas vilas do país”, considera que toca “descansar” e “dedicarlle tempo á familia”, e aos amigos cos que despois da ruta irá a “tomar unha caña”, asegurou.

Votará no seu municipio

Afronta desta maneira o líder socialista a xornada previa ao día clave onde tratarán de consolidar e aumentar as 109 alcaldías que ten o PSdeG na Galiza.

Xa o domingo, Formoso exercerá o seu dereito ao voto no CEIP A Magdalena das Pontes arredor das 12.00 horas.

Comentarios