28-M

Formoso e Robles arroupan Ángel Mato, un alcalde que "pensa cada día en como mellorar Ferrol"

"Ninguén pode quedar na casa cando hai tanto en xogo", dixo o secretario xeral do PSdeG, en clave galega, facendo unha última chamada ao "voto progresista" este domingo.
Valentín González Formoso, Margarita Robles e Ángel Mato, en Ferrol. (Foto: Raúl Lomba / Europa Press)
photo_camera Valentín González Formoso, Margarita Robles e Ángel Mato, en Ferrol. (Foto: Raúl Lomba / Europa Press)

O xefe de filas dos socialistas galegos, Valentín González Formoso, fixo esta sexta feira en Ferrol unha última chamada á mobilización dos votantes progresistas da Galiza ao asegurar que "ninguén pode quedar na casa cando hai tanto en xogo". Formoso, que xunto á ministra Margarita Robles aproveitou o último día da campaña para arroupar o candidato socialista á Alcaldía de Ferrol, o actual rexedor, Ángel Mato, pediu que o país "se levante" o domingo. "Porque non podemos dar un paso atrás e paralizar os proxectos modernizadores dos pobos e das cidades", sostivo.

Formoso, Robles e Mato deron un paseo na tarde desta sexta pola cidade departamental após manter un encontro cos integrantes da candidatura socialista. Na cidade, o líder do PSdeG fixo un chamamento á cidadanía para que se "erga" o domingo e haxa "unha marea de xente" que consolide ese avance nas cidades co seu voto, e volvan coincidir co PSOE en que "o importante é a protección social e a retención do talento".

"O domingo ninguén pode esquecer que non podemos dar un paso atrás", engadiu o dirixente socialista, que espera obter un "gran resultado", pero reclama que acudan a "expresar nas urnas" o apoio social que notan nas rúas. "Este domingo", incidiu, "decidimos entre dúas formas de facer política, a que achega ilusión, proxectos de futuro, postos de traballo de calidade e servizos públicos dignos, e a que non achega máis que ruído, crispación e a política de amiguetes para administrar o diñeiro de todos", alegou.

Tamén asegurou que nota "medo" e "nervios" en Alfonso Rueda e Alberto Núñez Feixoo porque "agochan os seus candidatos", debido a que "non teñen proxectos para os pobos". Todo iso mentres o PSdeG pide o voto "unicamente coa cara do candidato que van avaliar os cidadáns". González Formoso aproveitou tamén o último día de campaña para facer balance desde Ferrol e destacar que estivo a percorrer Galiza na campaña e percibiu "ilusión" e "vinculación" cara ao PSdeG.

Ademais, sostivo que estes comicios locais son "o enganche da política real", o "enganche do PSdeG cos problemas, esperanzas e aspiracións dos veciños e veciñas", e nas que os socialistas teñen un maior apoio, o que fai do partido "a columna vertebral da política do país".

Robles pediu tamén o voto para Mato, con quen se comprometeu a apoiar o proxecto que ten o rexedor para abrir a cidade ao mar. "Como sabes, o Arsenal Militar de Ferrol é candidato a Patrimonio Mundial da Unesco e gustaríame, como fixeron todos os gobernos socialistas en Ferrol, substituír pouquiño a pouco ese muro por un enreixado", dixo.

"Ángel Mato é moito máis que o alcalde, é unha persoa que vive pensando en como pode facer para mellorar cada día Ferrol. Por iso, cando ten este proxecto, este proxecto tan apaixonante que é abrir Ferrol ao mar, eu compártoo plenamente e díxenlle que en todo o que podamos facer ímoslle a axudar", apuntou a titular de Defensa do Goberno español.

Pola súa parte, o candidato á Alcaldía mostrou o seu agradecemento á ministra por acompañalo nesta última xornada de campaña, así como o interese que lle trasladou para facer realidade o contrato das fragatas F-110 coa Armada, que posibilita que Navantia "teña carga de traballo para a próxima década".

Comentarios