Opinión

In memoriam

Ville d'Eu, exilio francés, 1939-Caracas, 2014

Morreu Federico, o meu amigo Federico, un dos mellores fotógrafos de Venezuela e segundo a especialista alemá residente en Suíza, Erika Billeter1, un dos mellores da historia da fotografía latinoamericana.

Ville d'Eu, exilio francés, 1939-Caracas, 2014

Morreu Federico, o meu amigo Federico, un dos mellores fotógrafos de Venezuela e segundo a especialista alemá residente en Suíza, Erika Billeter1, un dos mellores da historia da fotografía latinoamericana.

A vida de Federico está indisolubelmente vencellada a Galiza e á loita guerrilleira da Venezuela dos anos 60. 

O seu pai, o mítico comandante Soutomaior, alista un Federico mozo no Directorio Revolucionario Ibérico de Liberación (DRIL), e xunto ao galego Xosé Velo e ao portugués Henrique Galvão secuestra o transatlántico Santa María no medio do océano Atlántico.

Máis tarde, como membro da guerrilla venezuelana, secuestra o mercante Anzoátegui, despois dunha complicada e dilatada estadía de adestramento en Checoslovaquia e Cuba.

Detido nun campo de adestramento guerrilleiro en Venezuela, pasa varios anos na cadea e, unha vez libre, o seu anárquico espírito atopará unha razón de vivir na fotografía, da que fará un potente medio de expresión do seu espírito rebelde e artístico.

Coa miña intercesión logrei que cedera o arquivo do seu pai, o comandante Soutomaior, ao Arquivo da Emigración Galega en Compostela. Fixemos varias exposicións en Galiza da súa obra da man da CIG e temos unha permanente na Casa dos poetas de Celanova, O meu pai o exiliado.

Lector voraz de Cioran, era un gran bebedor de whisky, analítico e incrédulo. Gardo un libro biográfico que fixen sobre el sen editar. Marchou un deses fillos irreverentes que Galiza doou ao mundo, en calquera parte, en calquera sitio. Pouco amigo das homenaxes, grande amigo dos seus amigos. Perdo unha gran parte da miña vida coa súa morte.

Comentarios