Opinión

Os números cantan, e desafinan 

Leo na primeira páxina do Faro de Vigo que “Galicia xenera a mesma riqueza agora que en 2008, e con 216.000 traballadores menos”. Engádese que a economía galega medrou no último ano a un ritmo do 3%, co cal se acurta o diferencial co resto do estado.

O xornal véndenos o titular na primeira páxina como un síntoma de recuperación. Se producimos o mesmo que ao comezo da crise, é evidente que remontamos o perdido e superamos a crise. Non só iso, enriba melloramos en productividade. Que vos parece? Se xa estades indignados, pídovos que agardedes ata o remate.    

Eu aí non vexo unha noticia senón tres ou catro, e non sei se me quedo curto. Iso a pesar da miña lixeira miopía, acompañada agora por unha incipiente presbicia. 

Primeiro, no titular non se explica que se está facendo equivaler a “economía galega” co PIB, unha equiparación que, por moito que se admita entre economistas, financeiros e grandes empresas, non deixa de ser unha opción ideolóxica para agochar o reparto desigual da riqueza a favor dos dous últimos, falacia á que se suman os primeiros por lacazanería ou coa escusa de que por infiltración a riqueza acaba chegando á base da pirámide social. 

Eu aí non vexo unha noticia senón tres ou catro, e non sei se me quedo curto. Iso a pesar da miña lixeira miopía, acompañada agora por unha incipiente presbicia

Hai diversas maneiras de mellorar a productividade: investindo en tecnoloxía, mellorando os procedementos ou reducindo os custes laborais. O titular do xornal di literalmente que desapareceron 216.000 postos de traballo completos, pero presenta esa circunstancia como parte dunha historia de éxito e céntrase a partir de aí nos datos macroeconómicos positivos. Felicitarse por eses datos é coma se aos que apostan en Internet lles din que o negocio medrou espectacularmente e eles dan chimpos porque contribuíron a ese éxito.

A noticia, saída dun informe oficial da Consellaría de Facenda, non di que, ademais, os salarios e as condicións de traballo dos que conservaron o emprego, e sobre todo dos que se incorporan ao mercado laboral, caeron en picado. Tamén di que se recurta o diferencial de crecemento co do estado, cando o mesmo informe expón que o incremento do PIB interanual en Galiza é do 3% e no estado de 3,2%. Antes era peor, pero a diferencia continúa aumentando. O mesmo informe fala igualmente do incremento das exportacións, pero tanto el coma o xornal obvian a conclusión de que medraron por baixo das importacións. 

Na mesma páxina en que se desenvolve a noticia, nun recuncho, leo que o número de traballadores e traballadoras galegas afectadas por un ERE medrou en doce meses nun 82%. Agora sí, barra libre á indignación. Ou non. Agardade...

Atención ao tratamento do mesmo informe da Xunta por parte da Voz de Galicia, que xa de entrada titula: A economía galega colle ritmo. Nunha sesión de masaxe a base de aromas e aceites esenciais cábenlle, entre outras fregas: “crecemento”, “incremento”, “tirón”, “acelerón”, “alza”, “avance”, “óptimo”, “superando as previsións”, “récord” “todos os sectores en positivo”, “repunte” ou, falando de masaxe: “a economía galega exhibe músculo”...  

Insuperábel.

      

Comentarios