Opinión

Economía de merda

Lin ultimamente dous libros que en por si producen o efecto de abrirnos os ollos. Lidos en conxunto, o efecto multiplícase. Trátase de O Código do Capital de Katharina Pistor e Traballos de Merda do finado en setembro David Graeber. 

O primeiro disecciona con escalpelo a lexislación que favorece a transformación dun ben en riqueza privada, por exemplo coas patentes, a tolerancia dos paraísos fiscais ou a tributación descompensada, os monopolios, as concesións, o cálculo e o manexo das débedas pública e privada, as normas laborais e o dereito corporativo, as leis financeiras que amparan produtos como os derivados, as normativas medioambientais laxas, a transmisión da propiedade en herdanza en favor de quen non tivo nada que ver na súa adquisición, a irresponsabilidade das crebas e bancarrotas... O estamento lexislativo ponlle a sinatura e o selo ás normas que redactan os bufetes das grandes corporacións e fai da defensa desas normas de privilexio cuestión de Estado, con xuíces e policías. Nunha palabra, son os códigos legais os que converten un anaco de terra, unha idea, un servizo ou unha actividade en capital privado e acumulábel en mans do 1% na cúspide da pirámide.

Traballos de Merda ocúpase non dos empregos duros ou mal pagados, case sempre esenciais, senón deses outros asociados á tecnoloxía, á especulación, á burocracia e á managerización, que un non sabe moi ben en que consisten ou para que serven, dado que non aportan nada á sociedade nin ás propias empresas, en termos de economía real, pero que están fenomenalmente remunerados: analista de proxectos, consultor de operacións internas, asesor de balances contábeis, agregado de recursos humanos, supervisor de procesos. Graeber fala deles como dun cuarto sector da actividade económica, que é o que máis medra. Nin os propios empregados serían quen de xustificar o seu contido, explícano mellor eses casos nos que un empregado deixa de acudir ao seu posto de traballo durante anos sen que ninguén o bote en falta. Son polo tanto absurdos? Depende. O autor explica como esta capa de cadros intermedios actúa de colchón ou paragolpes para os que rapinan desde máis arriba, como o señor feudal agasallaba o seu círculo de notábeis ou o capitán pirata a súa tripulación. 

Hai traballos de merda e o resto están cada vez máis enmerdallados, en forma de papeleo, cadeas de mando kafkianas e un facer que se fai inútil e humillante. Os beneficiados son os capitostes da economía financiarizada, armados de códigos e algoritmos a proclamar que a riqueza se crea da nada. As grandes corporacións hoxe carecen de fábricas e mesmo de operarios, non producen nada tanxíbel, só precisan unha plataforma dixital e descaro e apoio de reguladores que se poñan de perfil mentres elas canean as lexislacións locais. Precisan tamén de traballos de merda, agora si, os duros e mal pagados, case sempre esenciais.

Comentarios