Opinión

A excepción escolar

O día antes das vacacións de verán a Consellería de Educación remitiu aos centros de ensino un documento coas medidas que escolas e institutos deberían adoptar para facer fronte á emerxencia sanitaria da Covid-19. O último día! De maneira que, ademais de repetirse a estratexia de anunciar as decisións polémicas no verán, limitando a resposta da comunidade educativa e dos sindicatos, ou ben se espera que as equipas directivas suspendan as vacacións para artellar esas medidas, ou ben se deixa para setembro, cando un proceso do que se fai responsábel ao profesorado, que non está formado nin contratado para implementar protocolos sanitarios, coincidirá cos exames de setembro, período de matrícula, elaboración de programacións didácticas, reparto de cursos, confección de horarios, asignación de destino para o profesorado interino etc. Como se ve, o momento perfecto.

Máis alá da inoportunidade, do documento da Consellería dedúcese que a escola, por engadido tanto o profesorado como a poboación infantil e xuvenil, e por engadido as súas familias, se consideran unha excepción ás normas cualificadas como esenciais para o resto da sociedade.

Se a distancia social é a ferramenta estrela que expertos, departamentos de saúde, institucións internacionais etc., recomendan sen excepción, no ámbito escolar comezouse falando de dividir os grupos en dous para reducir ratios e pasamos a recomendar metro e medio de distancia, a Xunta un e, se non é posíbel (saben que non o é), máscara cinco ou seis horas seguidas e asunto arranxado. Temos limitación de capacidade en tendas, praias, eventos, bancos, fábricas, hostalería, oficinas ou actos culturais, xa non digamos no Parlamento, onde os escanos están separados por mamparas illantes. No ensino pídeselle ás crianzas e adolescentes que non compartan nada, non toquen nada e se afasten dos compañeiros no patio, os corredores, os ximnasios, a cafetería... Malo será.

Din as estatísticas e vemos na rúa que a transmisión no colectivo xuvenil aumenta exponencialmente pero malo será. Ademais, a xente nova leva mellor a infección e o protocolo ordena que virus que circule nas aulas deberá ficar nelas, en ningún caso poderá traspasar as portas da escola e afectar a pais e nais, avós e avoas. Por non falar de profesores e profesoras que, ademais de impartir a súa materia, exercer de epidemiólogos, xestores de emocións, técnicos informáticos e persoal de limpeza, son como se sabe inmunes ao coronavirus, independentemente da súa idade.

Estamos listos! Con estes vimbios, que pode saír mal? Enriba, cada paso dado pola Consellería, desde que o 12 de marzo obrigara o profesorado a asistir aos centros para teletraballar e recuar en 24 horas, tomouse por consenso, consultándoo coa comunidade educativa e actuando a prol do ben común. Total, lixivia á man e feliz setembro.

Comentarios