Opinión

Soberanía alimentar

“Non podes voltar atrás e cambiar o principio pero podes empezar onde estás e cambiar o final” (C.S. Lewis). Esta vella reivindicación do sindicalismo (nazionalista) agrario está agora máis presente que nunca. A capacidade de que cada pobo poida definir as propias políticas agrarias e alimentarias, tendo en conta obxectivos como desenvolvemento sostíbel e seguridade alimentar está agora máis presente que nunca. A alimentación é tan necesaria como respirar.

A comida debe ser algo máis que entrar nunha mercadoría, dado que un País se non é capaz de auto-abastecerse está condenado á dependencia dos intereses das grandes multinacionais agro-alimentares.

Agora os nosos gobernantes atópanse nunha crise deste calibre de cambio mundial, e non é nada tranquilizador que a nosa alimentación dependa de terceiros países.

É posible que, cando superemos esta crise, os responsables políticos comecen a valorar a importancia do sector primario, dado que os produtos non medran nos supermercados, e deixen de aplicar políticas agresivas contra as labregas. Para iso é preciso un cambio total nas políticas agrarias baseadas na produción e non na especulación.

A fórmula é moi sinxela, menos subvencións e garantir prezos, único xeito para manter a economía das explotacións, a súa viabilidade e como non a súa continuidade para o futuro, apostando polo modelo de explotación agraria familiar en base ao traballo da unidade familiar. Isto, ao mellor, implicaría aumentar, seguramente, o número de explotacións respecto das que hoxe temos, o que nun país como o noso non sería un problema, pois valería para recuperar o gran potencial de superficie agraria útil (SAU) actualmente abandonada e mellorar o contorno paisaxístico, a biodiversidade, e por suposto pórlle couto á praga dos lumes que nos asolan todos os anos. Este modelo de agricultura familiar (AF) tamén tería un compoñente máis orgánico na produción de alimentos, o cal redundaría nuns produtos máis sans para o consumo.

A propia FAO. recoñece que diante desta crise máis que sanitaria pode provocar anomalías na seguridade de subministro de alimentación, debido principalmente aos intereses especulativos das grandes multinacionais da industria agro-alimentar e a unha poboación con menos recursos económicos.

Outra cousa a debater no futuro será o modelo de produción, seguimos coa teima de que un país desenvolvido ten que ter menos labregos e con explotacións moi grandes (coa man de obra foránea), ou voltamos a máis explotacións coa man de obra familiar? Nestes intres poño ese debate enriba da mesa, porque se está a dar unha casuística no sentido de que non hai quen apañe as producións agrarias por falla de man de obra BARATA, ao non poder contar cos inmigrantes, modelo que as políticas agrarias levaron a moitas explotacións. Máis agora atopámonos nunha situación esperpéntica, hai produción pero non hai brazos para recollela.

Sobre disto último hai quen aposta (en Francia, Portugal e agora no Estado español) que ese traballo o fagan os parados. Por que?

Acaso despois dos inmigrantes veñen os parados? Se a recolección de alimentos é unha necesidade para garantir a alimentación teríamos que contribuír todos e todas, parados, confinados etc., algo similar aos Planos Quinquenais (perdón pola blasfemia).

Nas crises é onde se vén as alturas de miras dos nosos gobernantes, é necesario un golpe de temón nas políticas agrarias onde se garante un rural vivo, unha estabilidade económica da explotacións (prezos) e así unha seguranza na produción de alimentos para a poboación.

Ao igual que a sanidade ou a educación, a agricultura ten de cumprir unha función social e non mercantilista como nos impoñen as políticas agrarias da UE e a Organización Mundial do Comercio.

Hai sectores agrarios que nestes intres están a pasalo mal por falla de ventas, que cómpre buscar solucións urxentes. Sectores como o viño que fundamentalmente en 80-90% está destinado á hostalaría, igual que a carne de ovino-caprino, e sen esquecer a venta nos mercados ao ar libre dos produtos da horta, por citar algúns sectores que deben ser compensados de maneira rápida e urxente.

Comentarios