Opinión

Sáhara Occidental, conflito esquecido

Tras 29 anos en punto morto, a finais do pasado ano o conflito entre a Fronte Polisario e Marrocos viviu dous episodios de gran relevancia: por unha banda, o recoñecemento dos Estados Unidos (EEUU) da soberanía marroquí sobre o Sáhara Occidental, como parte do acordo para o restablecemento de relacións entre Marrocos e Israel, e por outra, o Polisario declara roto o alto o fogo acadado en 1991 e decreta o estado de guerra, como consecuencia da represión dunha manifestación de activistas saharauis en El Guerguerat.

Se ben a decisión de Donald Trump, nos seus últimos días de mandato, que convirte aos EEUU no primeiro país en recoñecer a soberanía do reino alauí sobre o Sáhara Occidental, é importante no plano político, o certo é que non ten consecuencias xurídicas, pois vai en contra do dereito de autodeterminación do pobo saharaui, recoñecido en numerosas ocasións polas máis altas instancias internacionais.

O Sáhara Occidental, na costa noroeste de África, é un dos territorios máis escasamente poboados do mundo, cunha poboación que non chega aos 600.000 habitantes. A maior parte do territorio é deserto seco e inhóspito, mais rico en fosfato e ten importantes caladoiros.

Actualmente este territorio é reclamado por Marrocos e o Polisario, mais até o ano 1979 tamén o foi por Mauritania. Marrocos controla e administra o 80% do territorio, incluíndo a costa e os recursos naturais, separado polo muro máis longo do mundo da “Zona libre” controlada polo Polisario, creado en 1973 co apoio de Arxelia para rematar co goberno colonial español e loitar pola independencia do pobo saharaui.

O 26 de febreiro de 1976 as forzas españolas retíranse do Sáhara Occidental e o día seguinte o Polisario declara a República Árabe Saharaui Democrática (RASD), que sería admitida en 1982 na Organización para a Unidade Africana (OUA).

Tras 16 anos de guerra, Marrocos e o Polisario asinan en 1991 un acordo de alto o fogo patrocinado pola ONU, que recollía que no prazo de 6 meses tiña que celebrarse un referendo de autodeterminación. Tras varios intentos o referendo aínda non se celebrou debido tanto ao inmobilismo e falta de vontade política de Marrocos como á incapacidade da ONU. Marrocos non acepta un referendo que conteña a independencia do territorio como unha opción e existen diferencias en canto ao corpo electoral.

Neste contexto prodúcese a protesta ante a brecha ilegal de Guerguerat no pasado mes de outubro, consecuencia do cansazo e desesperación saharaui, que bloquea o acceso ao paso fronteirizo con Mauritania demandando a convocatoria do referendo. Tras a represión da protesta o Polisario declara o 14 de novembro que o alto o fogo está roto e decreta o estado de guerra.

A decepción e falta de confianza do pobo saharaui é total nas Nacións Unidas e na súa Misión no terreo, Misión de Nacións Unidas para a Organización do Referendo no Sáhara Occidental (MINURSO), que ven amosando a súa parcialidade e incapacidade de cumprir o mandato do Consello de Seguridade. A MINURSO abandonou a súa misión principal para adicarse exclusivamente ao mantemento do cesamento do fogo, e amosa unha nula resposta ante as violacións de dereitos humanos perpetradas por Marrocos contra o pobo saharaui.

O papel de España, como potencia administradora, foi, e está a ser, lamentábel, xa que o goberno franquista non cumpriu a esixencia de Nacións Unidas para a celebración do referendo, e desde a morte do dictador pesan máis as relacións económicas e a cooperación contra o terrorismo e a inmigración entre España e Marrocos que os dereitos do pobo saharaui, recoñecidos na Carta das Nacións Unidas e nas resolucións aprobadas pola Asemblea Xeral e o Consello de Seguridade das Nacións Unidas.

O conflito languidece mentres o mundo continúa mirando cara outro lado, e ao pobo saharaui, abandonado a súa sorte pola comunidade internacional, que resiste en condicións infrahumanas nos campamentos de refuxiados e farto de agardar por unha solución que non chega, non lle queda máis opción que exercer o seu lexítimo dereito á lexítima defensa e continuar a súa loita de liberación.

Comentarios