Opinión

Un raio de esperanza no Iemen

O 2 de abril deu comezo unha tregua de dous meses no Iemen que supón a primeira gran interrupción das hostilidades desde 2016 e o paso máis significativo cara a resolución dun conflito que provocou a peor crise humanitaria do planeta e que nos últimos meses experimentara unha notábel intensificación.

O impacto da guerra é devastador, cun país en ruínas e a economía desfeita. Polo menos catro millóns de persoas foron desprazadas e estímase que a guerra matou 377.000 persoas a finais de 2021 (o 70% nenos), das cales o 60% indirectamente a través da fame e enfermidade. Máis do 80% dos 30 millóns de iemenís vive por debaixo do limiar da pobreza, 14,5 millóns enfróntanse a un perigo inminente de fame, 20 millóns precisan asistencia humanitaria e case a metade dos nenos menores de 5 anos sofren malnutrición crónica.

Se as previsións eran demoledoras para este 2022, coa posibilidade de que 19 millóns pasen fame, a extrema situación humanitaria aínda pode empeorar, dado que o país depende case enteiramente da importación de alimentos e o conflito en Ucraína está a aumentar o prezo do trigo e pode chegar aínda a interromper a subministración.

A tregua acordada polos hutís e o goberno do Iemen, benvida por EEUU e Irán, ofrece un raio de esperanza e un alivio moi necesario para a poboación iemení. As partes semellan preparadas para buscar solución a unha guerra civil, cun gran compoñente internacional, que o pasado 26 de marzo entraba no seu oitavo ano. Os hutís creron durante moito tempo que o seu triunfo era inevitábel mais sufriron un gran revés en Marib, sitiada durante máis dun ano, e a intervención saudí foi un fracaso.

O 7 de abril, no último día das conversas celebradas en Riad polo Consello de Cooperación do Golfo para abordar a situación do Iemen, que comezaran o 30 de marzo coa ausencia dos hutís, debido a súa negativa a participar en conversas en territorio saudita, o exiliado presidente do Iemen anunciou que transfería os seus poderes a un Consello Presidencial, que agrupa representantes dos diferentes grupos anti-hutís e terá a tarefa de negociar un cesamento do fogo permanente.

Mais cómpre ser moi prudentes ante un proceso que virá cheo de dificultades: O Consello Presidencial, criticado polos hutís por ser imposto por estranxeiros e non representativo, terá dificultades para manterse unido, con diferentes intereses destinados a chocar; rexistráronse ataques en Marib; e os hutís critican que o goberno iemení e a coalición non están a cumprir a súa parte do acordo, que inclúe o libre acceso ao porto de Hodeidah para barcos con combustíbel e a reanudación dos voos desde o aeroporto de Saná, pechado a voos comerciais desde agosto de 2016.

O sistema tribal, a división norte-sur, os grupos xihadistas, os actores locais e estranxeiros forman parte da complexa realidade iemení, polo que a gran cantidade de diferentes intereses presentes no Iemen fai difícil establecer un prognóstico sobre o futuro do país.

Comentarios