Opinión

O novo endebedamento: Next Generation

Por mor da pandemia, na Unión Europea puxéronse en marcha os fondos Next Generation, un programa de axudas directas e préstamos para os estados membros. Aínda lembro algúns artigos, coma o de Rubén Cela, onde se alertaba da falla de transparencia destes fondos ao estar orientados a intereses do capital, co risco de xerar máis endebedamento público. Precisamente, a exportación de capital por parte dos países enriquecidos segue a ser unha necesidade no seu proceso de acumulación. Porén, conviría distinguir etapas na maneira de investir externamente. Cos avances acadados polos Movementos de Liberación Nacional e Social, o capital tivo que adecuarse a novos escenarios menos favorábeis. A perda de poder político adoita levar consigo un debilitamento económico como consecuencia das nacionalizacións de empresas estranxeiras, avance de servizos públicos, así como soportar unha nova regulamentación que limita o poder destas en favor doutras iniciativas empresariais máis próximas. 

A pesar de todo, a política económica das potencias económicas mantívose firme en non ceder a soberanía económica en moitos países.

A vía para entremeterse nos asuntos internos nuns casos viña por medio de empresas mixtas, noutros por un colaboracionismo puntual e interesado, condicionar o acceso a novas tecnoloxías, pero principalmente mediante a entrega de créditos atractivos. 

O trazo mais característico do neoliberalismo de posguerra foi a unidade na resposta. No caso do capital europeo, coa perda de influencia e dun debilitamento como consecuencia da II Guerra Mundial,  o capital privado non estaba en disposición de realizar este esforzo nin asumir o risco nun mundo bipolar. Se ben se cedeu a iniciativa aos Estados Unidos, axiña buscaron o amparo do goberno, ou mais ben da unión de gobernos (Tratado de Roma). A Comunidade Económica Europea ademais tivo outra habilidade: a de saber venderlle a ilusión a “países subdesenvolvidos” da posibilidade de introducir os seus artigos no Mercado Único Europeo. Só hai que ver a nosa realidade. Sen poder político e cunha economía engrenada no eixo das apetencias de Bruxelas-Madrid, as posibilidades para Galiza dun autodesenvolvemento son escasas. Igual que acontecera cos Fondos Estruturais e de Cohesión, cuxa recepción se fixeran en troques da asfixia produtiva (a cota láctea, restricións no naval ou a cota na pesca basicamente).

Mais a situación semella empeorar. Entendo que a nosa situación se agrava debido ao maior déficit público co que se financiará os megaproxectos Next Generation: unha nova división internacional do traballo na que non se ten en canto as maiorías sociais. Porque, de feito, xa entramos noutra fase. Unha nova etapa de retrocesos. 

Coa caída do muro, caeron tamén moitos logros acadados polas clase populares, ollando impotentes como se reavivan as vellas mañas dos imperialistas. Mañas coma as de socializar as perdas da banca chegando incluso á invasión militar de estados soberanos. Teremos que adaptar a resposta a esta nova etapa histórica.

Comentarios