mércores 12/08/20

Manuel María e Carvalho Calero: Dous exemplos de coherencia e compromiso coa Galiza e coa súa lingua nacional

No arquivo da Fundación Manuel María de Estudos Galegos hai algunhas cartas de Carvalho Calero ao poeta da Terra Chá que van desde o ano 1950 ao 1974, normalmente de agradecemento polo envío de libros ou para lle solicitar algún traballo para a súa historia da literatura. Tamén hai un exemplar de Poemas pendurados dun cabelo, que no ano 1952 Carvalho dedica "Ao poeta amigo Manuel María, con moita irmandade", e outro de Letras Galegas, o derradeiro libro dedicado "A Manuel Maria, na lembrança do passado –aquelas tardes de Lugo!– e a esperança do futuro –este Congreso de Ourense. Cordialmente. R. Carvalho. Setembro 1984", que evoca unha anterior relación persoal entre ambos na capital lucense, onde partillaron tertulia de café por un tempo. Na cidade das Burgas, de 20 a 24 de setembro de 1984, tivera lugar o I Congresso Internacional da Língua Galego-Portuguesa na Galiza organizado pola AGAL, de que ambos foron socios.

Entre Carvalho Calero e Manuel María hai moitas diferenzas, mesmo xeracionais, mais tamén algunhas semellanzas. Ambos son vultos fundamentais da cultura e da literatura galegas da segunda metade do século XX, embora o primeiro xa comezase a ter un papel relevante no período prebélico. Os dous se converteron igualmente en figuras modelares de comportamento ético e de coherencia no compromiso coa nación galega e coa súa lingua, a se manteren sempre fieis ao ideario nacionlista en que, cada un á súa maneira, militaron. Uniunos, pois, a entrega ao seu país e a defensa e cultivo do idioma propio, metas a que consagraron a súa vida. Afástaos, alén da idade, as orixes, a formación e o carácter de cada un: procedencia urbana, formación académica rigorosa e certo distanciamento elitista de Carvalho face á orixe rural, o autodidactismo e a proximidade afectiva de Manuel María. Mais ambos son autores polifacéticos dunha grande cultura que nos deixaron obras de extraordinaria relevancia no ámbito da poesía, do teatro, da narrativa ou do ensaio. Ben é certo que en liñas xerais a obra do autor ferrolán posúe un marcado carácter intelectual e académico, face ao alento popular que inspira unha parte importante da produción do escritor chairego. Mais o que vira indiscutíbel é a vocación literaria e de serivizo á Galiza que motivou toda a existencia de cada un deles.

Os dous foron tamén membros numerarios da RAG e tiveron nalgún momento da súa vida unha relación conflituosa con ela, o que non impediu que esta entidade lles acabase por dedicar o Día das Letras Galegas. Manuel María tivo ese merecido recoñecemento en 2016, apenas dous anos após o prazo mínimo fixado por ela mesma, en competencia con Xela Arias e co propio Carvalho, cuxa candidatura xa fora derrotada noutras ocasións. Fica claro o especial rexeitamento que este suscitaba na Academia, pois a dedicatoria demorou 20 anos. E cal foi a razón de tan inxustificado adiamento? Con certeza, non os méritos do candidato. O motivo debe procurarse na súa fidelidade aos postulados do galeguismo histórico e da propia RAG, que propugnaban a reinserción progresiva do idioma no seu ámbito lingüístico propio, o do galego(-portugués) estendido polo mundo. Para iso tivo de se afastar do novo camiño deseñado para a lingua galega por un poder lingüístico emerxente ao cal acabaría por se adherir tamén a RAG e personalidades a ela vinculada, que converterán o ortodoxo galeguista coherente e resistente nun heterodoxo e marxinado disidente.

Tamén Manuel María foi unha figura incómoda para calquera tipo de poder, político ou lingüístico, pois sempre estivo na vangarda das loitas nacionalistas e acompañou Carvalho na crítica ao modelo normativo da altura. No entanto, a disidencia deste tornárase insoportábel para aquelas persoas que antes partillaran proxectos con el.

Xa chegou, felizmente, o ano de Carvalho, como sen dúbida tería querido Manuel María. Mais vaia camiño leva este 2020! Oxalá que non nos impida honrarmos como é debido a memoria dunha personalidade tan ilustre!

Manuel María e Carvalho Calero: Dous exemplos de coherencia e compromiso coa Galiza e...
comentarios