Opinión

Un voto máis que o PSOE

A estratexia do PSOE é obter un voto máis que o PP, mais non nos enganemos: a do PP é obter un voto máis que o PSOE.

A estratexia do PSOE é obter un voto máis que o PP, mais non nos enganemos: a do PP é obter un voto máis que o PSOE. Os dous grandes do bipartidismo declinante saben que a meio prazo poden vir a seren substituídos polo bipartidismo emerxente e a súa táctica nesta campaña, basicamente amarrategui, é a mesma: minimizar os erros, taponar fendas e confiar en que certo instinto conservador se abra camiño no momento decisivo de escoller esta ou aquela papeleta.

A táctica dos dous grandes do bipartidismo declinante é a mesma: minimizar os erros, taponar fendas

Cun voto máis que o PSOE, o PP acha que vai gobernar. O seu cálculo é que Ciudadanos non lle entregará o poder ao PSOE porque ese apoio deslexitimaría o partido laranxa como receptor de votos conservadores, un continxente nada desprezábel dos sufraxios que en teoría podería vir a obter Rivera. Se o goberno Sánchez fose ben, iso non o rentabilizaría Ciudadanos, e se fose mal, todos correrían a sinalar a Rivera por facer de parvo útil do PSOE.

Esa é a estratexia do PP e dos seus meios afíns. Ser o primeiro, aínda que sexa por un só voto ou por un só escano. Iso é o que explica por que o PP se expón o menos posíbel. Iso é o que explica a súa alerxia aos debates. Iso é o que explica por que o PP esta segunda feira acompañou a Ciudadanos como partidos ausentes no #SermosDebate.

Comentarios