Opinión

O voto indicativo

Se apañades esta segunda feira El País e ollades para os gráficos de distribución de voto da enquisa de Metroscopia publicada este domingo, veredes que os resultados de En Marea na Galiza son atribuídos a Unidos Podemos. Este fenómeno xa se deu o 20D e vaise dar invariabelmente o 26X e os días posteriores, moito máis despois de que Esquerda Unida e Podemos Galiza se impuxesen a Anova na batalla polo grupo parlamentar (isto é, na batalla por non dar a batalla a favor de conseguilo).

Dito doutro xeito, Madrid non vai ler os votos de En Marea como votos dunha realidade galega específica, como tampouco o fará cos votos de En Comú Podem. Para simplificar, son votos de Pablo Iglesias na Galiza e en Catalunya. Os votos que traducirán a especificidade de Euskal Herria serán os do PNV/EH Bildu. Os de Catalunya, ERC-CDC. Os de Galiza, o Bloque Nacionalista Galego. Eses votos serán termómetro dos anceios dos respectivos países por xogar algún papel proprio, nacional, non vicario, no novo reparto do poder político que se abriu o 20D, coa crise do bipartidismo do 78 (unha crise que pode dar lugar a un novo bipartidismo PP-Podemos ou a un sistema tetrapartidista, iso é o que está en xogo).

Non digo que ese voto non sexa útil. O que hai que perguntarse é útil para que e útil para quen

Vexo nas redes algunhas chamadas ao voto útil para a coligazón Anova-Podemos-Esquerda Unida, xémeo ás chamadas que no seu tempo facía o PSOE para que a xente non votase o BNG nas xerais (por exemplo, en 1996). Non digo que ese voto non sexa útil. O que hai que perguntarse é útil para que e útil para quen. A resposta a tal hora é que sería útil para unha fracción da socialdemocracia (a nova) se impor sobre outra (a vella) e que sería útil para o dueto Iglesias-Errejón e a súa pretensión de liderar o grupo parlamentar da esquerda española máis numeroso. Útil para Galiza? Non parece que no pasado o fose moito a hexemonía da socialdemocracia no Estado (gobernos González-Zapatero) e cando o foron lixeiramente (a primeira lexislatura ZP) foi porque había votos nacionalistas galegos no Congreso que funcionaban de forma libérrima e autónoma e que condicionaban a acción do goberno (conseguindo por exemplo o compromiso de os investimentos do Estado na Galiza se aproximar ao 8% do total estatal, cando en populación estamos por debaixo do 6%).

Así que, que queredes que vos diga, case prefiro o voto indicativo a ese voto útil. O voto indicativo de que Galiza existe e que quer existir sen complexos, a cara descuberta, vamos, nada distinto ao que fan cataláns e bascos. Non nos enganemos: ese é o único voto galego que inquietaría o establishment. O outro xa fai parte dos deseños do poder e, se tendes dúbidas, eis Grecia para vermos que pode dar de si.
 

Comentarios