Opinión

Quo Vadis, PSOE?

Desde a sua renuncia ao marxismo e ao recoñecimento do direito de autodeterminación das nacións sen Estado (congreso extraordinario de 1979), o PSOE é un partido do réxime do 78, otánico no militar, xermanófilo no económico e ferreñamente unionista no territorial, unha formación que foi evoluíndo desde a socialdemocracia até o social-liberalismo. Disto hai poucas dúbidas. Mas mesmo así no seu interior habitan tendencias diversas e non todas elas son dixeríbeis por un réxime que, lonxe de estar a caír, como profetizaba Beiras, se está a rearmar e mostra perigosísimas faccións autoritarias. O golpe oligárquico perpetrado esta cuarta feira en Ferraz relévame de máis comentarios: a metade do partido quer descabalgar da secretaría xeral unha persoa eleita directamente pola militancia e quéreo facer para, mediante unha abstención política, viabilizar a investidura dun presidente corrupto e anti-social. Dito doutro xeito, a ollos do réxime do 78, liderado agora polo IBEX 35 e co Partido Único Mediático (intercambiábeis editoriais de El País e ABC) como Acorazada Brunete, até un político tan moderado como Sánchez -capaz de pactar un programa de goberno coa filial laranxa do PP- resulta un estorbo, alguén a eliminar.

O golpe oligárquico perpetrado esta cuarta feira en Ferraz relévame de máis comentarios: a metade do partido quer descabalgar da secretaría xeral unha persoa eleita directamente pola militancia

A crise no PSOE é unha secuela da crise do bipartidismo, certo, mais nos enganaríamos se pensásemos que a liquidación do sistema a dous equivale á morte do réxime do 78. En absoluto. Este ten unha enorme capacidade de autoreprodución e de pór a salvo os seus elementos básicos, a unidade do Estado, o dominio do capital sobre a política e a submisión a Washington e Berlín. E, si, entrou en crise unha forma concreta do réxime, mais este estase a empregar a fondo para pór en cena un novo deseño que lle garanta a supervivencia para as próximas décadas: un partido conservador maioritario, un partido social-liberal que se mova na contorna do 15 por cento do voto (Albert Rivera a esta altura é prescindíbel) e unha esquerda con retórica anti-sistema e o teito no 25 ou 30 por cento do eleitorado sen posibilidade de gobernar pola súa incapacidade de acordar con ningunha outra formación política de ámbito estatal.

Entrou en crise unha forma concreta do réxime, mais este estase a empregar a fondo para pór en cena un novo deseño que lle garanta a supervivencia para as próximas décadas

Ese deseño non é aceite por unha metade do PSOE, a que lidera Pedro Sánchez. Ese é o miolo do debate en curso en Ferraz. De gañar o felipismo, o PSOE convertiríase nun satélite do PP ao que en determinadas circunstancias se lle permitiría pactar con Podemos ou co PNV -nunca cos soberanistas catalás- nas entidades políticas subestatais, os chamados gobernos autonómicos. Ou sexa, un modelo cuspidiño ao do SPD, partido que sempre foi guieiro para Felipe González e que pacta con Merkel e non con Die Linke no Bundestag, mais si pode facer goberno cos sucesores dos comunistas do leste nos länders. Sánchez o que impugna é ese modelo. Pelexa, como Corbyn, por un partido autónomo dos conservadores.

Escuso dicer que bando prefiren Mariano Rajoy e Pablo Iglesias que gañe nesta batalla.

Comentarios