Opinión

Un PSOE obediente

O tumultuoso comité federal deste sábado deitou a imaxe dun PSOE dócil e obediente aos designios do establishment, nada novo baixo o sol, tal vén sendo o comportamento deste partido desde que a finais dos 70 da pasada década decidise rachar co marxismo e coa defensa dos direitos das nacións sen Estado. Nunca pensei en Pedro Sánchez como un rebelde con causa disposto a construír un PSOE anti-sistema, mais é evidente que a súa opción era por un partido non satélite do PP. Esa opción foi varrida do mapa este sábado pola maioría das elites do partido, dirixidas xa non na sombra, senón a plena luz do día por quen neste momento é o maior represante político da oligarquía española, Felipe González, o home que, desde a ponte do mando do Estado, dirixiu "as cousas que fixemos" en Euskadi.

O veto á opción de Sánchez é un bloqueo a calquera hipótese de avanzo minimamente progresista no Estado e é tamén un veto ao diálogo, sequer sexa exploratorio, coas forzas soberanistas. A sensación é que España non dá mais de si. O golpe de man oligárquico contra o primeiro secretario xeral do PSOE eleito en primarias mostra até que ponto están dispostos a ir os poderes fácticos no Estado. Facer do PSOE un apéndice do PP é neste momento estratéxico para a oligarquía que controla o poder político. Fracturar a esquerda en dúas metades que son incapaces de acordar entre si -a primeira puñalada a Sánchez asestoulla Pablo Iglesias cando votou non á súa investidura- é a mellor garantía do mantimento do statu quo: supremacía das políticas neoliberais na economía e dique de contención face calquera mudanza na estrutura territorial do Estado.

O veto á opción de Sánchez é un bloqueo a calquera hipótese de avanzo minimamente progresista no Estado e é tamén un veto ao diálogo, sequer sexa exploratorio, coas forzas soberanistas

O teito estrutural de Podemos -dificilmente esta organización pode ultrapasar o 30 por cento do voto no mellor dos casos, liderada, aliás, por un dirixente que ten un grao de rexeitamento só superado por Rajoy- e a fortaleza da maquinaria conservadora -os inquéritos proxectan un PP non inferior aos 150 escanos nunhas eventuais terceiras eleccións- espellan a crueza da realidade: se só nos movemos no ámbito das forzas políticas estatais, non hai posibilidade material de a ruptura co status quo se abrir paso. O PSOE de Sánchez tiña imensas dificuldades para pactar con Podemos. O PSOE de Díaz nen sequer considera esa posiblidade. Ese cisma garante décadas de primacía para a direita neoliberal e centralista e afasta todo horizonte de ruptura.

Destarte, o que os clásicos chamaban proceso de acumulación só se pode dar nas nacións sen Estado, o único vector con capacidade para abalar o edificio de 1978 e ir facendo rebentar as súas costuras. O sismo de Ferraz eclipsou a decisión de Catalunya de ir a un novo referendo. Mais os astros de Madrid non poderán opacar permanentemente a superficie da terra. E a realidade é que os pobos que non teñen o poder político que en xustiza lles corresponden piden paso. En Catalunya hai xa bastante tempo que aprenderon que en Madrid non hai con quen aliarse. Que en Madrid ao final sempre gaña a oligarquía centralista. A batalla de Ferraz acaba de demostralo. Catalunya estivo tres décadas -o pujolismo- a probar a vía da democratización do Estado. En van. Aprendamos con eles a lición. O poder oligárquico español xoga coas cartas marcadas, no noso caso coa colaboración de dirixentes políticos da nación galega sempre prontos a acompañar as estratexias españolas. Eis, por exemplo, os dez cadros do PSdeG que votaron contra Sánchez, contra o sentir maioritario das bases galegas do partido. A democracia en Madrid está sempre mediada por un límite infranqueábel, todo atado e ben atado, a intaxibilidade dos dogmas sobre o que se construíu o réxime do 78, a comezar pola unidade do Estado. Baste dicer a este respeito que a forza alternativa emerxente non se cansa de dicer que ela é a maior garantía da derrota do independentismo catalán.

O que os clásicos chamaban proceso de acumulación só se pode dar nas nacións sen Estado, o único vector con capacidade para abalar o edificio de 1978 e ir facendo rebentar as súas costuras

E agora? Pois, nada, Rajoy terá que tomar unha decisión. Ou vai a terceiras eleccións para arrasar o PSOE ou aceita o regalo de Ferraz -o segundo que recebe da esquerda, após o veto de Iglesias á investidura de Sánchez- e ensaia un goberno de coligazón na sombra con Susana Díaz. Podo equivocarme, mais aposto a que esta segunda opción é a máis probábel: o establishment tampouco quer matar este PSOE, élle funcional.

Comentarios