Opinión

Prietas las filas

O artigo 155 é tan excepcional que nen sequer está regulado. Abre por tanto a billa á absoluta arbitrariedade. Na súa concepción era un dos elementos básicos do atado e ben atado: en teoría pode pórse en marcha coa oposición do Congreso (que non é consultado), sendo que só é preciso o apoio do Senado (onde, grazas ao réxime eleitoral español, outro residuo do tardofranquismo, normalmente a direita ten a maioría absoluta). Mais Rajoy nen sequer tivo que torcer a vontade da Cámara baixa: aí está Pedro Sánchez para marcar tamén o paso marcial que require o unionismo, prietas las filas. Rivera, por suposto, xogou o papel da vangarda neofalanxista (menos mal que este texto non vai ao diario de sesións do Congreso, que, se fose, aí estaría Ana Pastor para borrar o vocablo, que ninguén diga que o rei joseantoniano anda espido).

PP e PSOE son o sistema. Diso non hai dúbida. O que se sabe xa da aplicación do 155 dá por unha banda arrepíos, mais por outra ten os seus aspectos positivos. Oferece unha extraordinaria lección sobre a esencia do réxime. É unha boa escola para sabermos que é a democracia e que non é. En España a autonomía é sempre unha carta outorgada. Unha concesión graciosa que se pode retirar a vontade. Se te portas ben (Feióo aquí é máis papista que o papa), nengún problema. Ora, se se che ocorre exercer con dignidade o teu cargo e, aínda por riba, tes veleidades democratizadoras -chamarte nación, convocar referendos-, entón tes todos os problemas do mundo. Tanto que até podes acabar na cadea acusado dun delito que está máis penado que o de integración en banda armada.

A esencia do réxime non é democrática. Non o podía ser. Non houbo ruptura coa ditadura. Houbo reforma, houbo pacto cos franquistas, así que o que temos é un corpo que ten órgaos democráticos e outros que non o son, aliens fascistas que están aí como tumores que se activan cando se senten ameazados. Ao non ser inteiramente democrático, ese corpo é irreformábel: con el só cabe pór o contador a cero, ir a procesos constituíntes (non un na España uninacional, senón tantos como nacións hai no Estado). 1978 baséase nun principio intocábel, o da existencia dunha única fonte do poder político, a fantasmagórica nación española, da que todos -quer queiramos quer non- facemos parte. O que formula o soberanismo catalán -co apoio de correntes de opinión catalás non independentistas, mais democráticas- é tan sinxelo como que a nación catalá existe. E, portanto, debe ter direito a decidir. Un direito que ninguén pode nen limitar nen usurpar.

O 155 visa estabelecer un protectorado en Catalunya. O control da TV3 ilustra á perfección cal é o obxectivo real da operación: alterar a correlación de forzas e minguar as bases de sustentación do soberanismo. Aíndan fican capítulos por escreber. O Estado resérvase bazas como a ilegalización do independentismo, que sería tanto como ilegalizar a metade da sociedade catalá (o plano B sería pór fóra da lei só a CUP, bastaría cun acto xudicial ad hoc que a asociase á sedición, Madrid sabe como facer estas cousas, ten experiencia abondo). Aliás, o bloco independentista deberá agora avaliar a situación e ver se ten sentido ou non ir a unhas eleccións convocadas ilexitimamente por un poder colonial.

Prietas las filas unionistas. Fiquemos atentos á resposta soberanista. Ninguén dixo que unha revolución democrática e popular o fose ter doado.

Comentarios