Opinión

Podemos e xs independentistas

Produciume certa tenrura ler os chíos de Pablo Iglesias e a súa cotorna batendo coas e cos independentistas que seica se desviaron da ortodoxia e non votaron a candidatura de Patxi López á presidencia do Congreso. Si, vouno escreber outra vez: Pablo Iglesias atacou independentistas por estes non apoiaren o candidato do PSOE. Causa certo abraio, si, porque estamos a falar do mesmo dirixente político que na pasada lexislatura mostrou indiferenza entre un Rajoy presidente e un Sánchez presidente, o que permitiu ao líder conservador salvar a cabeza e estar agora, cunhas segundas eleccións polo meio, en condicións políticas de se manter catro anos máis na Moncloa para, entre outras tarefas titánicas, continuar a saquear o celeiro das pensións públicas.

Non hai maneira de tomar politicamente en serio a Iglesias porque Iglesias é un político mutante e dunha labilidade tal que o que hoxe é cero pasado mañá é infinito. De defender a retórica populista do Partido Nacional Español -non hai direita nen esquerdas, etc- a ancorarse nos caladoiros da nova socialdemocracia. Tanto abala dun lado para outro que así non hai forma de avaliar racionalmente o personaxe.

O que si teño claro é que a principal función para a que naceu Podemos é para garantir a unidade do Estado. Antes que populista, antes que socialdemócrata, antes que cesarista, o que é Podemos é unionista. O referendo de Catalunya? Yes, of course, para que gañe o Non á independencia, tan, tan revolucionario como o que defendeu para Escocia o politicamente defunto David Cameron. Que é Galiza? Pois unha nacionalidade histórica, como marca a Constitución de 1978 e chégalle ben, veu dicer a líder galega Carmen Santos en Vía V. E todo adubiado coa retórica errejonista da patria española como remedo do patriotismo constitucional de Habermas.

Antes que populista, antes que socialdemócrata, antes que cesarista, o que é Podemos é unionista

Non é de estrañar, pois, que Iglesias batese contra xs soberanistas que, liberrimamente e en funcións de estratexias propias, votaron o que lles petou este día do pleno da constitución da Cámara. O líder do partido morado non entende que na lóxica independentista nada se parece máis a un unionista conservador do que un unionista socialdemócrata. As alianzas parlamentares entre autodeterministas e españolistas só poden ser momentáneas e tácticas, porque son os polos antitéticos da única dialéctica real que cursa os seus efeitos no taboleiro da política española.

Amigo Iglesias, ser independentista é ante todo ter independencia de criterio e votar con liberdade, non ollar para o que faga o Madrid supostamente progre. Houbo un tempo, cando te fotografabas en herriko tabernas, en que finxías que o entendías ben.

Comentarios