Opinión

“A nosa Patria é a xente”

Naturalmente a fórmula "a nosa Patria é a xente" empregue pola secretaria xeral de Podemos Galicia (sic) é unha trapela para saír do paso e non enfrentar o nó gordiano do problema nacional da Galiza, o da súa relación como nación sen Estado co que chamaremos Madrid (ou metrópole, en termos clásicos). A que xente se refire Carmen Santos? Á mesma xente á que apelan Errejón e Iglesias cando falan de patriotismo. Que patria? A mesma patria á que serven Errejón e Iglesias. A española.

Aquí non se trata tanto de estabelecer fidelidades patrióticas, senón de asumir ou non cal é o principal problema que teñen perante si, como colectivo humano, as galegas e os galegos que os podemitas engloban co sintagma abstracto de "a xente". En definitiva: os nosos son os mesmos problemas que os que teñen "a xente" de Madrid ou "a xente" de Sevilla?

Esta é a cuestión chave: se se concorda ou non con que o problema principal problema das galegas e dos galegos é a dependencia do Estado español ou, por o pór noutros termos, a carencia dun poder político propio, digno de tal nome, isto é, soberano. Carencia que torna cuase imposíbel a realización de políticas públicas que no sustancial melloren a vida do pobo.

En definitiva: os nosos son os mesmos problemas que os que teñen "a xente" de Madrid ou "a xente" de Sevilla?

Sobre esa cuestión Podemos Galicia surfea, aínda que a súa posición de fondo é evidente. A Patria Galega non vai con eles. Despáchana cun comunicado por volta das 18 horas do 25 de Xullo, probabelmente (especulo, non teño información) presionados polos seu compañeiros de viaxe das marés. Non acreditan nela. É un estorbo para o seu proxecto español globalizado.

Ben, a posición de Podemos sería relativamente irrelevante en termos da política nacional galega se non arrastrase a canda ela os outros componentes das marés, e nomedamente Anova e as plataformas municipalistas (o aparato ao mando da EU galega é neste momento no básico un apéndice do Podemos central). É esa posición a que virtualmente fixo imposíbel un posicionamento conxunto das marés o Día da Patria Galega. Xa me diredes como poden confluír as posicións oficiais da FPG ou o independentismo inveterado de Beiras, por exemplo, co "galeguismo reflexivo" patentado por Carmen Santos? Que denominador común pode haber aí alén da rendabilidade eleitoral a curto prazo?

A posición de Podemos sería relativamente irrelevante en termos da política nacional galega se non arrastrase a canda ela os outros componentes das marés

Como nación temos un problema. Chámase dependencia. Ou se quere ou non se quere rachar. Non se pode estar nos dous sitios á vez, a equidistancia aquí equivale ao mantimento do statu quo, á eternización do dominio do Estado español sobre a Galiza. Podemos espella, si, o pensamento dun sector da sociedade galega para o cal a cuestión nacional sinxelamente non existe. Mais a cuestión nacional en países dependentes como o noso envolve praticamente todo e non é posíbel nengunha perspectiva verdadeiramente transformadora, revolucionaria se quiserdes, se non se incorpora quer á teoría quer á praxe.

Non teño moito que reflectir para concluír que o "galeguismo reflexivo" que propón Santos é un pensamento obxectivamente reaccionario e/ou conservador, bloquea calquer perspectiva de as marés trazeren avanzos para o país (porque Podemos, non o esquezamos, é aí o partido eleitoral hexemónico) e garante a auto-reprodución do que xa hai. Para esta viaxe (Leiceaga este día falaba de Galiza como "nacionalidade histórica global", o PSdeG-PSOE xa incorporou "nacionalistas" nos 80) non facían falta tantas alforxas.

Comentarios