Opinión

Licións de Catalunya

Nesta altura no mundo desenvolvido non hai ningún movimento de masas comparábel ao independentismo catalán. É un movimento sostido no tempo, participado por todos os segmentos e clases sociais e cun horizonte claro. Propón un pensamento forte -a criación dun novo estado- face toda tentación posmoderna de liquidación ou hibridación de conceitos. Persegue a hexemonía cultural no sentido gramsciano e, de facto, está a piques de a conseguir, tanto que até sectores unionistas, os nucleados arredor de Podemos, mais tamén a ala residualmente nacional catalá do PSC, se ven obrigados a aceitar a demanda dun referendo de autodeterminación (embora sexa nese caso para votar si á permanencia en España).

Mais a lición fundamental que Catalunya imparte ao mundo é a participación das masas na acción política. 5 Diadas consecutivas pondo more or less un millón de persoas na rúa é unha revolución democrática en marcha. Nen de lonxe o unionismo podería facer nada semellante. A forza da causa soberanista está aí, no impulso social, desde abaixo, na existencia de millóns de células independentistas no rego sanguíneo do país. Son elas as que turran das elites políticas e non ás avesas, son elas as que empurraron ao centro-direita nacionalista a abandonar toda esperanza de consenso con España -o soño de a modernizar, de a democratizar- para o colocaren no campo soberanista.

O fenómeno catalán é visto desde a Galiza como quen olla unha estrela moi lonxana, a anos luz do noso país

O fenómeno catalán é visto desde a Galiza como quen olla unha estrela moi lonxana, a anos luz do noso país. O que vivimos nos últimos anos aquí foi o proceso inverso ao catalán: un fragmento do nacionalismo galego descolouse do soberanismo para explorar o terreno que o centro-direita catalán abandonaba: o soño da alianza cunha España reformista, moderna e democrática. Mais o parceiro desa España reformista, moderna e democrática -Podemos- é en Catalunya tan unionista como o PSC ou o PP e a súa función no Principat non é outra que frear o soberanismo, que amarrar as rebeldes provincias catalás en España. Ese camiño non leva a ningures: Podemos, na medida en que aspira a ser hexemónico no conxunto do Estado, nunca aceitará a plurinacionalidade con todas as consecuencias, isto é, desde o recoñecimento da existencia de varios suxeitos soberanos e non dun só, o pobo español. Só están dispostos a admitir o referendo catalán porque hai un millón de persoas na rúa a petar nas portas do ceo, non porque sexa un direito inalienábel (non graciábel, non negociábel) dos pobos que cohabitamos no estado.

Aquí no planeta galego, moi lonxe da estrela catalá, está cuase todo por facer. O primeiro a facer, inescusabelmente, é cuestionar o statu quo político do país, ser inconformistas, non ollar para a Galiza de 1981, ano en que se aproba a lei orgánica española chamada Estatuto de Autonomía de Galicia (sic), senón para o país que somos en 2016 e para o país que queremos ser no futuro. Estamos en campaña. Ollemos o que fan/din as distintas forzas políticas e tiremos as nosas propias conclusións. A partir daí, obremos en consecuencia.

Comentarios