Opinión

Infinita prepotencia de Podemos

Tiven que reler varias veces o comunicado de Podemos sobre a rutura con Izquierda Unida.

Tiven que reler varias veces o comunicado de Podemos sobre a rutura con Izquierda Unida. Aínda non saio do asombro. Dígoo a serio. É unha peza mestra da prepotencia política. Non se pode faltarlle máis ao respeito a unha organización -e aos seus miles de militantes en todo o Estado, aos seus centos de miles de votantes. É inaudito. Como se pode apresentar unha conversa entre dúas forzas como unha especie de negociación para colocar unha persoa nunha lista eleitoral? Como se pode insultar así a un dirixente político e despois ir de guais pola vida, de facedores da nova política e non sei que gaitas?

Teño xa uns aniños e lembro ben o proceso de ensoberbecemento de dirixentes políticos da sedicente esquerda española, o caso máis paradigmático, o de míster González, agora relativizador dos crimes fascistas de Pinochet, mais o de Pablo Iglesias supera todas as marcas: el non precisou do síndrome monclovita para se representar a si próprio, nos seus delirios, como un mesías. Ese caudillismo tinxe Podemos de arriba a abaixo. Daí a súa autoproclamación como a verdadeira unidade popular. O "Je suis la France" de De Gaulle redivivo no "Eu son a Unidade Popular" da formación que lidera o politólogo da Complutense.

Estes son os valores da cooperación, da fraternidade, da humildade, que deben caracterizar a todo movimento verdadeiramente progresista?

É isto co que Beiras e Yolanda Díaz acaban de asinar un acordo político na Galiza?

Comentarios