Opinión

Fidel: o home novo nunca morre

Fidel Castro é historia e fixo historia. O seu paso polo planeta foi bon para a humanidade, para a causa dos pobos oprimidos, para a construción dunha sociedade libre de explotación, un mundo de persoas e nacións iguais. Un século inteiro non se entende sen a súa existencia, sen o seu contributo. Non era un santo, era un ser humano, cheo das contradicións que os sapiens sapiens carretamos, mais el foi unha sorte de antecipo do home novo que pedía Ernesto Guevara de la Serna. Non un home movido pola cobiza nen pola vaidade, senón un home movido pola profunda solidariedade humana, capaz de arriscar o maior ben que ten un ser humano -a súa vida- por mellorar a dos demais.

Tempo teremos para avaliar con calma a xigantesca obra que deixa, unha illa que resistiu vitoriosa o acoso do imperialismo durante seis décadas, un pequeno país que sobreviviu á queda do bloco socialista e que persistiu na edificación dunha sociedade non alicerzada sobre a procura do lucro, senón sobre a satisfacción das necesidades humanas. Non hai outro país en América Latina con mellor educación, con mellor sanidade, con maior seguridade para as persoas, do que Cuba. Sen Fidel nada diso tería sido posíbel.

Nunca foi simpático Fidel para o imperio e para os seus vasalos, mais si foi Fidel querido e até idolatrado nas favelas de Rio, no degradado Harlem, en Sudáfrica, en Angola, entre os bos e os xenerosos do planeta, a Praza da Quintana a rebordar de berros Cuba Si, Yankees Non.

Ese home novo nunca vai desaparecer da nosa memoria. Algún día contaremos ás novas xeracións que durante algunhas décadas moramos no mesmo planeta que el pisaba.

Comentarios