Opinión

Feijóo como presidente perde 64 a 0

Feijóo como presidente perde 64 a 0, mas el non está moi preocupado.

Feijóo como presidente perde 64 a 0, mas el non está moi preocupado. Sabe que Roberto Blanco Valdés e os seus mariachis non lle van afear ese taboleiro de marcas, ou sexa, que non lle vai traer custos políticos. Tampouco é que o vaian apupar moito desde as bancadas. Este continúa sendo un tema que socialmente trae máis frío que calor. As cousas como son. Se aspiramos a transformar as cousas temos que saber como son por abaixo, etc.

64 a 0. Foi Jorquera quen puxo esas cifras sobre a mesa durante o debate do estado da nación. O asunto é tal cal este: desde que Feijóo é presidente da Xunta de Galiza, o Estado transferiu 64 competencias ás comunidades autónomas. 64. Delas 14 foron para Euskadi. 14. 9 para Catalunya. 9. E cantas para Galiza? Cero. Cantas? Cero.

Desde que Feijóo é presidente (2009), o Estado transferiu 14 competencias a Euskadi, 9 a Catalunya e 0 a Galiza

Que respondeu Feijóo a este ataque de Jorquera durante o debate no que en teoría se pasa revista ao estado da nación e á súa capacidade para gobernarse a si propria? Nada, non respondeu absolutamente nada. Estes debates por outra banda son así. A oposición pode perguntar A e o presidente responder B, ou non responder absolutamente nada, que adoita ser a técnica que emprega Feijóo. E tampouco pasa grande cousa. Pasa, iso si, que Feijóo fai iso apenas minutos despois de presentar á cámara o enésimo plano de rexeneración democrática. Maior hipocresía, imposíbel.

Dotes dialécticas

Como é un político dotado de certas dotes dialécticas, Feijóo quixo atrapallar a Jorquera co argumento de que o portavoz do BNG concordaba surpresivamente co líder tory inglés David Cameron, ao aplaudir o proceso democrático que levou a que o pobo escocés puidese votar arredor da súa eventual independencia. Un ataque tan pueril como demagóxico. Non é que Jorquera caera do cabalo e se convertese de súpeto no conservadurismo, é que o Reino Unido si cumpre cos mínimos da democracia formal e por iso até un dirixente politicamente fillo da Thatcher entende que nada se pode obxectar ante o desexo ultra-maioritario dun pobo a votar. “Non concordamos co plantexamento de Cameron”, dixo Feijóo. Atención, non o dixo o ministro dun goberno español. Díxoo o presidente do goberno dunha nación que é tan nación como Escocia. E ao que lle parece, portanto, mal que as nacións sen Estado de por aí fora podan ir ás urnas. Non vaia ser que o exemplo se espalle.

Non é que Jorquera caese do cabalo e se convertese de súpeto no conservadurismo, é que o Reino Unido si cumpre cos mínimos da democracia formal

Feijóo non quería un debate sobre o autogoberno, porque Feijóo sinxelamente non quería ningún debate. O seu é a propaganda. Afirma que as cousas hoxe están algo mellor estatísticamente que en 2013, como se non levásemos xa logo 7 anos dunha crise descomunal que, como tal, sempre ten altos e baixos, picos de sierra. O asunto, señor Feijóo, non está en ter un índice de paro unhas décimas arriba ou unhas décimas abaixo, o asunto é saber se vosté ten un proxecto que oferecerlle ao país para saír desta e para facelo con máis igualdade social e con máis peso político no Estado. Continuamos sen saber onde pensa o goberno do señor Feijóo que se pode criar emprego. Continuamos sen saber que sectores económicos pensa priorizar. Continuamos sen saber que vai facer para incrementar o investimento público na sanidade e no ensino. Continuamos sen saber que vai facer para mellorar o financiamento da súa administración.

64-0. Esa é a realidade. Un taboleiro de marcas duro, si, mais real, e indicativo do lugar no que partimos na grella de saída do debate territorial no Estado -e un debate territorial é sempre un debate económico e financeiro, material-. Aí estamos, moi lonxe da pole position, desde logo, esa que ocupan Catalunya e Euskadi, países nos que son politicamente hexemónicos, vaites, vaites, señor Feijóo, os nefandos nacionalistas.

Comentarios