Opinión

Feijóo perdeu o debate

Visto o visto, enténdese ben por que Feijóo só quería un debate e por que, alén do máis, o quería tan afastado, 13 días, do 25S. Feijóo é un bon dialéctico e un polemista duro, un killer nas lameiras da discusión a pouco que lle deas marxes, mais ten un problema de base: o seu discurso ficou empantanado en 2009 e 2012 e moita auga, e moita dor social, ten pasado baixo as pontes desde aquela. Feijóo virou vello de súpeto, non é que non se dea afeito á Nova Política, é que cada día se parece máis a Mariano, até argumentando, con algunhas piadas idénticas ("os 700.000 eleitoras e eleitores do PP non podemos ser tan maos", veu dicer).

Feijóo é dificilmente batíbel cando adopta a retórica do CEO dunha grande corporación na xunta xeral de accionistas. Se entras nunha guerra de cifras con el, estás perdido. Onde ti utilizas a EPA, el contra-atacará co paro rexistado, e así ad infinitum. Feijóo medra tamén no barullo. Canto máis decibelios, mellor para el. O ruído aliméntao. El véndese como o home que virá pór a orde a tanta lea, o que deixará que durma a veciñanza de noite.

En ningún país democraticamente avanzado un presidente pode deixar pasar a obvia alusión que fixo Ana Pontón a Marcial Dorado

O mau para Feijóo é que a sociedade galega mudou e precisa novas respostas. Novas respostas, claro, para o seu problema fulcral, o do desemprego -e aí, por moito que Feijóo teime no contrario, o veredito da EPA é inapelábel-, mais novas respostas tamén para o asunto da rexeneración democrática e o combate á corrupción. E aí Feijóo esvarou totalmente. Perdeu o debate no minuto 1. En ningún país democraticamente avanzado un presidente pode deixar pasar a obvia alusión que fixo Ana Pontón a Marcial Dorado. A candidata do Bloque deulle unha nova oportunidade ao líder do PP no tramo final do combate para se referir ao seu antigo amigo. Nada. Feijóo non abriu os beizos para se defender. A sombra do narcotraficante proxectouse ominosa sobre el. É un fardo que vai levar con el até o final da súa carreira política, un pouco como o penalti malogrado se asociará sempre á memoria de Miroslav Djukic.

Os asesores preparáronlle unha resposta tipo a Feijóo neste dossier. Ataques ao PSdeG sobre Besteiro, a Villares polo conflito xurídico cunha parte de Podemos, a Pontón por refugallos do bipartito. Pouca cousa. Moi pouca cousa. Dorado, Crespo (a Gürtel galega), Baltar foron demasiado lastro para o navío feijoniano, que se foi indo a pique conforme as dúas horas do prime time se ían achegando ao seu desenlace.

Leiceaga dixo que era doutor de Economía e Villares, por se alguén aínda non o sabía, dixo varias veces que era xuíz

Canto aos candidatos alternativos Leiceaga e Villares, o debate reafirmou a impresión xa deitada pola precampaña: son absolutamente intercambiábeis. Leiceaga dixo que era doutor de Economía e Villares, por se alguén aínda non o sabía, dixo varias veces que era xuíz e explicounos por que abandonara a toga para facer xustiza no Parlamento. No contido das súas intervencións non se sabía onde comezaba un e remataba o outro. A verdade é que, após a súa performance perante as cámaras, non se entende ben por que teñen tanto problema en se poñer de acordo en Madrid para desaloxar Rajoy da Moncloa.

Se alguén gañou o debate, como ditaron moitas voces nas redes, foi Ana Pontón, porque se distinguiu da melee e ofereceu roteiro e esperanza

Quen si fixo a diferenza foi Ana Pontón. Mostrou o que xa sabíamos, o seu dominio da esgrima dialéctica, o seu bon manexo perante as cámaras. Ela si que se esforzou en mostrar que a alternativa non pode ser simplesmente pór a alguén distinto en Monte Pío. Sinalou horizontes para o pais e valente deslizou que o marco estatutario de 1981 está tan ultrapasado e é tan vello como pode ser o recetario neoliberal e recentralizador de Núñez Feijóo.

Se alguén gañou o debate, como ditaron moitas voces nas redes, foi ela, porque se distinguiu da melee e ofereceu roteiro e esperanza a aquela parte da sociedade galega que non se conforma con continuar transitando polos raís dun morno autonomismo.

E que dicer de Cristina Losada? Todo un espectáculo de galegofobia. Señora, a ver se se inteira, este país é Galiza, non o Madrid das tertulias da ultradireita. Ollo: esta cavernaria españolista pode desfacer o empate a prol de Feijóo. Estarrecedor.

Comentarios