Opinión

Escocia decide, así que Escocia gaña

A vitoria -sábeno ben as catalás e os cataláns- é votar, a vitoria é decidir.

A vitoria -sábeno ben as catalás e os cataláns- é votar, a vitoria é decidir. O premio supremo era a conquista da independencia, certo, mais o SNP e Salmond sabían perfeitamente que as condicións aínda non estaban maduras para un triunfo tan absoluto. Sabían da presión que ía vir de Londres. Sabían da campaña do medo. Sabían que o voto estruturalmente independentista non é aínda abondo para gañar cunha participación masiva. E sabían que ninguén ficaría sen ir votar nun referendo de SI ou NON, nun referendo binario.

Salmond ten motivos para estar contente e orgulloso (mostrou gratitude ao 1,6 millóns de escocesas e escoceses que votaron pola independencia). El e o seu partido conquistaron o dereito a realizar o referendo. Claro que, unha vez que compites, queres gañar, mas en realidade o SI non podía gañar. Por dicelo en termos clásicos, a conciencia nacional escocesa -o sentido de pertenza a unha nación que pode virar en suxeito político- non está tan espallada no país como para derrotar o conglomerado de poder -mediático, financeiro...- sustentado por Londres e respaldado por Bruxelas e até por Washington.

Contodo, o resultado para o SNP é, se o ollarmos en perspectiva, extraordinario. O SNP ten a maioría absoluta no Parlamento escocés, mais no resto dos comicios os seus números distan de ser os dunha forza macizamente hexemónica. Por exemplo, nas últimas eleccións a Westminster obtivo só o 19,9% e nas recentes europeas, o 29,09%. Transformar estes rexistos nun 45% de votos pola independencia cando participa máis do 85% do eleitorado é un logro indiscutíbel que hai que atribuír á organización do SNP, á súa millenta rede de voluntariado, e tamén á enerxía e ao talento político de Alex Salmond.

As novas xeracións son claramente independentistas. O futuro será un Estado propio, si ou si. O futuro, en todo caso, será o que Escocia decidir, non o que Londres impoñer. Esa é a vitoria do pobo escocés, a vitoria do nacionalismo escocés

En realidade, o obxectivo do nacionalismo escocés era a conquista do dereito a decidir. Quen decide ten poder. Quen decide pode andar ou desandar camiños. Non é guiado, senón que guía. Non é determinado, senón que determina. Para ser exactos, quen decide o que fai é autodeterminarse. Quen decide é soberano.

Hoxe Escocia é unha nación máis forte, é unha nación con capacidade para se levantar e andar. Ten o tempo canda si. As novas xeracións son claramente independentistas. O futuro será un Estado propio, si ou si. O futuro, en todo caso, será o que Escocia decidir, non o que Londres impoñer. Esa é a vitoria do pobo escocés, a vitoria do nacionalismo escocés.

Londres xogou as súas cartas, que para iso é un Imperio, mais o pobo escocés mostrou non só capacidade de resistencia, senón determinación para colocarse na vangarda e para avanzar. Esa é a chave dos procesos de liberación. Avanzar. Gañar cada día máis pobo. Nen Salmond nen o SNP podían soñar hai apenas 5 anos con que o seu país estaría á beira da independencia en 2014. Mais aí é xusto onde está, á beira da independencia, a apenas 400 mil votos de distancia. E dar o pequeno, o grande paso, que a afasta dela é, no medio prazo, só cuestión de vontade, de pór máis vontade, é só cuestión de decidir.

Escocia ten hoxe algo do que Galiza carece, capacidade de decidir. Mais non lle choveu do ceo. Conquistouna

Que podemos aprender desde Galiza? Que non é posíbel autodeterminarse se previamente non apostamos nas nosas próprias forzas, na nosa auto-organización, se non somos soberanos na forma en que facemos política. Política nacional galega. Pensada desde este país e para este país. Sen un SNP hexemónico no Parlamento escocés, tería sido impensábel o referendo autodeterminista. Ergo, se queremos viver algún día na Galiza unha campaña como a escocesa, se queremos facernos maiores de idade e ter a oportunidade de decidir, antes que nada deberemos reforzar o proxecto político do nacionalismo galego. Haberá que mudar e actualizar o que fixer falta, si, mais sempre desde unha perspectiva construtiva, para sumar, para afortalar, para ser máis nacionalismo, máis soberanismo galego.

Escocia ten hoxe algo do que Galiza carece, capacidade de decidir. Mais non lle choveu do ceo. Conquistouna. Escocia vai gañando, nós vamos moi atrasados, non podemos perder un minuto, non podemos perder de vista o esencial, poñámonos á tarefa.

Comentarios