Opinión

Errejón ten razón

No cruzamento de chíos entre Pablo Iglesias e Íñigo Errejón non só vemos un contraste de pareceres entre líderes nas redes sen moitos precedentes, senón que achamos tamén os elementos esenciais das liñas políticas distintas -e até contraditorias- que cohabitan neste momento nese artefacto político chamado Podemos.

En esencia, hai dúas liñas. A de Iglesias bebe do herdo do anguitismo -aquel califa que vía PSOE e PP na mesma beira do río-, mais acabou evoluíndo aceleradamente cara a unha nova socialdemocracia, xa moito máis perto de Corbyn do que de Maduro. O seu obxectivo no curto e no meio prazo non é outro que liquidar o PSOE, aínda que o prezo a pagar sexa manter o PP no poder para os próximos anos (case mellor, así non temos que utilizar as tesouras do camarada Tsipras, talvez iso pense o politólogo da Complutense). A de Errejón é a de pór o partido nunha posición central, alén da divisoria direita-esquerda, con capacidade mesmo para chegar a acordos cunha direita española anovada (ou sexa, con Rivera).

O millón de votos que ficaron na casa fixérono en boa parte porque non partillan a tese anguitista de Iglesias. Ou sexa, prefiren Pedro Sánchez como presidente, embora sexa a lombos do cabalo de Rivera, do que a Rajoy

Na polémica tuiteira, Iglesias viña argumentar que Unidos Podemos perdera un millón de votos desde decembro de 2015 até xuño de 2016 porque o partido moderara a mensaxe e xa non estarrecía tanto os ricos. Non tal. Nisto -na lóxica puramente eleitoral- ten razón Errejón. O millón de votos que ficaron na casa fixérono en boa parte porque non partillan a tese anguitista de Iglesias. Ou sexa, prefiren Pedro Sánchez como presidente, embora sexa a lombos do cabalo de Rivera, do que a Rajoy. É tan sinxelo como isto. Eses votantes castigaron Unidos Podemos por lle ter perdoado a vida (política) ao líder do partido máis corrupto de Europa. Por certo, a maior parte das eleitoras e dos eleitores de En Marea -que se limitaron no Congreso a premer o mesmo botón que ordenaba Iglesias- tamén terían preferido enviar a don Mariano de volta á súa praza como rexistador da propriedade en Santa Pola.

Non vai ser nada doado sintetizar estas dúas liñas, porque en parte son diferenzas estratéxicas as que agachan nelas. Podemos pode ser xuridicamente un partido, mais en realidade é un movimento socio-político moi complexo en que se acubillan desde socialdemócratas clásicos até troscos anticapitalistas pasando mesmo por fragmentos do que noutro país sería un centro-direita democrático.

Pensemos na evolución deste movimento desde Beiras até Villares

E se dicemos isto de Podemos, que podemos dicer de En Marea? Por moito que Villares se gabe de que é o líder eleitoral dun partido e xa non dunha coligazón, é obvio que as contradicións que se achan dentro del son aínda maiores das que atravesan Podemos. Pensemos na evolución deste movimento desde Beiras até Villares. Hai apenas seis meses, Beiras puña en dúbida mesmo a realización das eleccións galegas co argumento de que podería acabar habendo un cambio de réxime no Estado. As súas soflamas rupturistas non se viron cumpridas, eis temos a Mariano acendendo o enésimo charuto no sofá da Moncloa. Pois ben, pasamos das apocalípticas profecías do político de Brión á retórica moderadísima dun Luís Villares empeñado en demostrarnos que o Estatuto de 1981 garda interesantes prendas no armario aínda por estrear. En fin, nese partido instrumental militan o independentista Méndez Ferrín e o unionista García Buitrón, entre eles media un océano ben máis grande do que o que separa Iglesias de Errejón.

Comentarios