Opinión

A decisión de Compromiso

Teño que admitir que non a esperaba, esta determinación de Compromiso de manter a súa identidade, val dicer, o seu proxecto político. Non é hoxe nada frecuente que unha organización política olle o futuro non cos óculos do curtopracismo, senón coa vista posta no meio e no longo prazo. “Temos que pensar en 2020. A Marea é unha moda inconsistente, e chea de contradicións internas por falta de proxecto definido. Como tal moda, pasará. O noso tempo está aínda por vir”, dinme desde o interior do partido. Compromiso opta, pois, pola mentalidade maratoniana, talvez consciente de que como sprinter xa tería demasiada competencia no seo dunha Marea -Anova, IU, distintas correntes de Podemos, as confluencias municipalistas- con certo aspecto de camarote dos irmaos Marx -conmove ver que no mesmo barco se teñen enrolado elementos tan contraditorios como Méndez Ferrín e García Buitrón.

Non é hoxe nada frecuente que unha organización política olle o futuro non cos óculos do curtopracismo, senón coa vista posta no meio e no longo prazo

Era unha decisión estratéxica, un parteaugas, así que naturalmente esta determinación de CxG estase a saldar con baixas. Unha opción nun sentido contrario -a de se integrar nas Mareas- tamén tería producido abandonos, e seguramente en maior número. A política finalmente obrígate a optar. Ou se está pola vía da auto-organización en coordenadas galegas ou pola vía de pactar (xa non despois das eleccións, senón antes) coa nova esquerda estatal.

Compromiso tomou partido e nunha dirección que obxectivamente afortala o espazo galego de decisión, aquel que constitúen as forzas políticas que teñen os seus centros de decisión na Galiza, ou sexa, aquelas que -por pór un exemplo- non teñen que conectar vía streaming con Zaragoza para saber quen gañou as súas primarias.

Comentarios