Opinión

A batalla do leite

A batalla do leite é a nosa batalla, é a batalla deste país.

A batalla do leite é a nosa batalla, é a batalla deste país. Estase a dar desde abaixo, desde a auto-organización social. Estase a dar con capacidade de mobilización e con sentido estratéxico, con tanto xeito que os gandeiros, embora non teren canda eles o favor dos meios mainstream, xa se teñen anotado o fulcral tanto do favor da opinión pública.

A batalla do leite é tamén unha escola de aprendizado quer para quen nela está envolvido -un grupo oprimido aprende o poder que ten cando se decide a loitar- quer para quen para ela observa -aprendes tamén que o combate sempre é positivo, coa pasividade perdes sempre.

Aprendemos con esta batalla que para o Estado español o leite é un asunto secundario e até exótico, que precisamos estruturas políticas propias, val dicer, soberanas, para defender un sector produtivo que, sendo para España residual, é para Galiza estratéxico.

As tractoradas estannos a defender a todos, desde xs hipsters urbanitas até xs tendeirxs das vilas

É unha batalla deste país porque ten a ver co noso direito a producir, co noso direito a ter unha economía sá, autocentrada e desenvolvida. Non é imaxinábel unha Galiza moderna sen un campo rentábel. Iso é o que están a defender as tractoradas. Ou sexa, estannos a defender a todos, desde xs hipsters urbanitas até xs tendeirxs das vilas. Sexamos conscientes diso e axamos en consecuencia.

É importantísimo gañar esta batalla e derrotar así os que levan décadas a alimentaren a profecía auto-cumprida do desaparecimento do campo galego. 

E gañando esta batalla aprenderemos tamén que este país unido ten unha forza enorme.

Comentarios