sábado 08/08/20

Aumentan as opcións de Beiras

O mal resultado de En Marea este 26X é, talvez paradoxalmente, un bon resultado para Beiras se este finalmente decidir ser candidato á Xunta. O veterano político de Brión pode facilmente argumentar -como xa ten feito xente a el próxima, como Lidia Senra- que En Marea cae por excesiva dependencia de Podemos, por asumir un discurso basicamente español (plurinacional e tal, mais español). O veterano político de Brión pode alegar que estamos case en xullo e as eleccións poden ser en setembro, que o PP está moi forte (co resultado do 26X pode aspirar razoabelmente á maioría absoluta) e que a cousa non está para experimentos estilo o que levou a fracasar a Catalunya si que es Pot cando propuxo como candidato a un perfeito descoñecido.

Aumentan as opcións de Beiras na medida en que decrece tamén a capacidade de veto dos seus rivais internos. É moi significativo o retroceso nese sentido da Marea Atlántica de Xulio Ferreiro, o referente mareante que se mollou máis con Podemos na campaña, até o ponto de ir a Madrid ao mitin de fin de festa e verbalizar o seu entusiasta apoio á candidatura de Pablo Iglesias á Moncloa. O propio Pablo Iglesias sae debilitado do trance do 26X e unha palabra súa contra Beiras -que, acho, nunca explicitaría en público- talvez xa non teña a forza suficiente para se impor nas bases das mareas.

O asunto, creo eu, hai que estabelezo entón xa non é se Beiras pode ser candidato, senón en se quere ser. Anova reúne esta mesma cuarta feira a súa permanente. O debate está aberto. Até onde eu teño información non hai unha decisión tomada. Mellor non fagamos apostas. Só digo que neste momento Beiras ten máis opcións, bastantes máis, de ser candidato do que nas vésperas do 26X. Nese sentido, só nese sentido, a el non lle foron mal estas eleccións.

comentarios