Opinión

A Audiencia toma partido polo Estado

A resolución da Audiencia Provincial da Coruña perante o recurso do ADIF coloca o caso xusto alí onde quería desde o principio o Estado español: o maquinista como único responsábel


A resolución da Audiencia Provincial perante o recurso do ADIF coloca o caso xusto alí onde quería desde o principio o Estado español: o maquinista como único responsábel. Contra toda lóxica e racionalidade. Certo que fica aínda pendente a imputación da cúpula directiva da empresa pública española, mais a impresión é que a AP tamén fallará ao seu favor.

A instrución do xuíz Aláez quitou á tona o que calquera persoa cun mínimo de información podería deducir sen ser maxistrado: non se pode entregar a seguranza dun comboio que pode legalmente circular a velocidades superiores aos 200 quilómetros/hora a unha soa persoa. As desatencións existen. Estamos en 2013, a tecnoloxía disponíbel é máis que suficiente. O Estado é responsábel de pór os medios para que un despiste non resulte nunha traxedia. E a de Angrois, con 79 vítimas mortais, é a de maior gravidade das terrestres rexistadas na Galiza na época moderna.

Responsabilidades políticas, responsabilidades penais

O PP cegou a vía das responsabilidades políticas nas primeiras horas após o desastre. Cando digo o PP digo todo o PP, desde Génova até a sucursal de Monte Pío. O comportamento do goberno galego foi especialmente indigno. Nen unha soa crítica. Non xa nas primeiras horas após o descarrilamento. Digo nen unha soa crítica en ningún momento. Ningunha demanda. Nada. Por suposto ningunha reflexión sobre unha elemental carencia do noso autogoberno: non dispomos de ferrocarrís galegos, non temos competencias para garantir que despropósitos como o da curva de Angrois non fosen nin concebíbeis. En Catalunya téñenos, camiños de ferro xeridos pola Administración catalá, desde hai máis de 3 décadas.

Agora a Audiencia Provincial ocúpase de cegar tamén a vía das responsabilidades penais. Feijóo demorará todo o posíbel en avaliar esta resolución. Cando diga algo dirá previsibelmente que a xustiza hai que respeitala. Esta resolución si, as do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza sobre o decreto do galego, non; a de Estrasburgo sobre a doutrina Parot, tampouco. O PP só respeita os fallos da xustiza cando lle conveñen.

Comentarios