Opinión

Abdicación e solucións netamente democráticas

A abdicación de Juan Carlos Borbón é un enroque do réxime, que se ve fráxil.

A abdicación de Juan Carlos Borbón é un enroque do réxime, que se ve fráxil. As estratexias para a súa supervivencia son dúas: unha, o relevo de Juan Carlos Borbón polo seu fillo Filipe; a segunda, a conformación dun goberno de concentración ou coligación españolista, PP-PSOE. Non era posíbel que a maior crise do capitalismo español no último medio século se producise sen atinxir a super-estrutura institucional. O réxime reaxe á defensiva e faino á desesperada, cada vez con menos apoio social detrás.

Non é unha resposta democrática. A solución non pode ser a perpetuación lampedusiana do statu quo. A solución debe ser abrir un proceso constituínte, verdadeiramente democrático. E aquí está a nai do año: quen debe constituír ese proceso? Quen debe ser o seu suxeito?

No Estado o republicanismo é esencialmente uni-nacional español, ou sexa, aos seus ollos o soberano é o pobo español, o que en esencia non representa ningunha ruptura esencial coa Constitucion de 1978. Un único pobo, o español. Iso une a republicanos e monárquicos españois.

A ideia de que soberano aquí só hai un, o pobo español, é, nun Estado plurinacional como este, tan anti-democrática como a propia monarquía

Mas esa solución non sería netamente democrática porque deixaría sen voz ás nacións sen Estado: actuaríase como en 1978, dando por suposto que nen Catalunya nen Euskal Herria nen Galiza existen como pobos, como suxeitos políticos.

Proceso constituínte, si, mais proceso constituínte plurinacional, non cun único soberano -o pobo español- senón cunha pluralidade de soberanos -as nacións sen Estado. Para decidir que Estado e que forma de Estado e para decidir se, eventualmente, continuamos ou non unidos en algún tipo de super-estrutura política.

Todo o que non sexa iso será mudar todo para que nada mude, será recriar o espírito básico de 1978, a idea de que soberano aquí só hai un, o pobo español, único e indivisíbel. E esa ideia é, nun Estado plurinacional como este, tan anti-democrática coma a propia monarquía.

Comentarios