Opinión

4 anos de Sermos Galiza!!

Ensináronme na faculdade (anos 80 na Autónoma de BCN, o sector do profesorado máis direitoso era marxista moderado) que o xornalista e o xornalismo nunca podían ser protagonistas. Pareceume ben. O xornalista, como moito, era unha voz en off, nunca un rosto en primeiro plano. O protagonista debía ser sempre o poder e as súas verdades reveladas, as verdades que el quixese sempre ocultas. Mais con frecuencia a realidade non se adapta aos bondadosos modelos teóricos e agora teño que dicer que o xornalismo, por improbabilidade estatística (o improbábel é sempre noticia, que un can trave o seu dono non o é, ás avesas, si, etc), si é noticia. O xornalismo xenuíno, aquel que incomoda as elites, que as fiscaliza, é noticia por raro, por infrecuente. E na Galiza é noticia porque até hai moi pouco o xornalismo alternativo, galego e en galego sinxelamente non existía, para ledicia dos poderosos.

4 anos non é nada, mais 4 anos é un mundo. Aquí estamos coa mesma vontade e a mesma paixón que en abril de 2012

Quixera que deixase de ser noticia que un meio de comunicación galego e en galego como Sermos faga 4 anos. Mais aínda o é. Aínda o é porque continuamos moi lonxe da normalización neste campo, vital para a democracia, moi lonxe de termos un mapa de comunicación en que o normal sexa a información libre e na nosa lingua. Levamos 4 anos de vida on line -facémolo xustamente este 26 de abril- e o próximo 8 de xuño faremos tamén 4 anos, co noso semanario, na trincheira do papel. 4 anos non é nada, mais 4 anos é un mundo. Aquí estamos coa mesma vontade e a mesma paixón que en abril de 2012. Con vontade de pór o noso grao no celeiro do espazo de comunicación galego, aquel que non se pon os óculos madrileños para ver a realidade, aquel que ten unha visión de Galiza e, desde esta, aquel que olla desacomplexadamente para o resto do planeta.

O xornalismo é preciso, é urxente, é necesario. Axuda a ordenar a complexidadade do mundo. A hierarquizar a información, a disterar o grao da palla. Sen xornalismo hai perguntas, mais non respostas. Sen xornalismo aqueles que nos fan a vida imposíbel viven moito máis tranquilos e tranquilas.

Aquí estamos, 4 anos despois, moito obrigado a todas e a todos os que compoñedes a Comunidade Sermos, a xente que nos le e nos apoia, a xente que nos critica tamén con ánimo de nos axudar a facer un traballo mellor. Imos ser, sempre o digo, o que a Comunidade Sermos, que medra, que se alarga, queira que sexamos, nos próximos 4, 40 ou 44 anos. Saúde e avante toda!!

Comentarios