Opinión

O 27S IU safou como organización

IU non existe como tal en Catalunya (ben, a súa organización é un grupúsculo asociado con ICV), así que o 27S tampouco é que se xogase moito

IU non existe como tal en Catalunya (ben, a súa organización é un grupúsculo asociado con ICV), así que o 27S tampouco é que se xogase moito. Mais en realidade si. A súa sorte estaba intimamente ligada aos resultados de Catalunya si que es Pot, ou sexa, aos resultados de Podemos, que xa se encarregaron enfaticamente Errejón e Pablo Iglesias durante a campaña de esclarecer que Catalunya si que es Pot era Podemos e que Podemos era CsqP, etc.

Se Catalunya si que es Pot tivese tido un excelente resultado, é máis que probábel que Garzón se armase de argumentos e atacase duramente Iglesias polo flanco de que a unidade popular por arriba, a unidade popular por abaixo, axuntémonos todos, que nos irá eleitoralmente mellor, etc. Mais Catalunya si que es Pot foi unha desfeita e ficou até por debaixo do score de 2012 de ICV, ergo a canción de unidade popular perdeu forza nos corredores da Complutense: xa non a entoa nin Monedero.

O 28S Errejón achou a escusa perfeita: Podemos fracasou en Catalunya porque a xente non achou a súa papeleta nos colexios (curioso argumento non empregue por este politólogo nas municipais cando se arrogou os triunfos de Colau, Carmena e mareas). Por tanto, o 20N o rosto de Iglesias reaparecerá nas boletas de votación do partido morado e Podemos lucirá como marca única en todo o Estado agás en Catalunya (onde voltarán a ir con ICV) e quizá na Galiza (con Anova, Esquerda Unida e as marés como presumíbeis parceiros).

Garzón fica sen parella de baile, mais IU como organización safa: evita o abrazo do urso

Así están as cousas. Garzón fica sen parella de baile, mais IU como organización safa: evita o abrazo do urso. De ir ao proceso da unidade popular, acabaría disolvida no océano podemita. Agora, liderará o conglomerado Ahora en Común coa esperanza de que os mellores días de Podemos xa ficaron atrás e coa convicción de que a partir de agora todo vai ser costa abaixo para o combo de Pablo Iglesias.

Así é a política: unha derrota ás veces contén unha vitoria, e ás avesas.

Coda: Garzón, claro, terá serias dificuldades á hora de explicar por que na Galiza Iolanda Díaz, unha persoa da súa confianza, si aceita ir en coligazón con quen o desprezou olimpicamente en España e con quen concibe a unidade en termos de hexemonía e de liquidación de siglas históricas.

Comentarios