Opinión

O portugués, a lingua que esqueceu o seu pasado

Durante o verán de 2019 concedín especial atención a unha temática que sempre me resultou atraente no meu percurso investigador, cal é a linguaxe popular e dialectal das rexións portuguesas máis setentrionais e as súas equivalencias cos falares galegos, nomeadamente en épocas en que a influencia do padrón lisboeta non se facía sentir con tanta intensidade como no noso tempo. Así foi como xurdiu O portugués esquecido. O galego e os dialectos portugueses setentrionais (Laiovento, 2021). Deste modo, centrándome nos anos finais do século XIX e nos primordios da seguinte centuria, puiden verificar como moitos trazos fonéticos, gramaticais e lexicais que hoxe en día son característicos do galego ou que fan parte do estándar vixente, correspondían, na altura, a fenómenos igualmente idiosincrácticos dalgunhas desas falas portuguesas: a pronuncia aberta da vogal a seguida de consoante nasal; a falta de nasalidade en palabras como home, onte, virge e moitas terminadas em -age; a acentuación cantabamos, cantabades; as flexións o irmam / a irmam ou mam / mans, coraçom / coraçons; os pronomes el, aquel, che ou vós; as variantes verbais como imos, cantades ou cantaides, cantache ou foche etc.; os adverbios abofé, u ou velaqui etc.; e até unidades lexicais como acadar, auga, açucre, almorçar e almorço, anho, berce, castinheiro, cerdeira, crego, cunca, eido, lardo, legom, pataca, pita, préxego, quecer, regato, sandar, traguer, xorda/o etc., responden a variantes lingüísticas que a estandarización do portugués, elaborada xeograficamente desde o eixo Lisboa-Coimbra e social e politicamente desde a reprobación de todo aquilo que fose identificado como norteño ou galego, foi condenando a partir das primeiras obras gramaticais no século XVI.

Mais, naturalmente, o termo “lingua” non coñece a sinonimia exacta no concepto de “variedade estándar”. Non poucos deses elementos lingüísticos portugueses conseguiron sobrevivir até ás primeiras décadas do século XX, varios inclusive até á nosa época. Por iso, a maior parte destas fenomenoloxías puido ser corroborada tanto en obras clásicas da literatura lingüística portuguesa, que as contemplaban cunha adusta distancia prescritiva, canto en textos de proveniencia tradicional, quere dicir, cantares, romances, narracións etc. José Leite de Vasconcellos (1858-1941), médico de profesión, mais tamén famoso etnógrafo, dialectólogo e filólogo, recolleu unha notoria cantidade deses fenómenos, póndoos en relación, ás veces, co galego e coa Galiza, a que dedicou algúns opúsculos na súa extensa obra. 

O portugués corrente esqueceu todo aquel universo de linguaxe popular e dialectal galaica. Dunha perspectiva actual, revisitando todos eses materiais do século XVI até aos inicios do século XX, xorden diversos interrogantes que non parecen menores: que acontecería se a corte se non deslocase de Guimarães para o sur e se os falares setentrionais constituísen a base do padrón? Que ocorrería, por conseguinte, se os trazos lingüísticos norteños non fosen conscientemente ‘adeloirados’ polos gramáticos, lexicógrafos e tratadistas lusitanos durante case cinco séculos? Cantas desas fenomenoloxías presentemente sentidas como emblemáticas ou diferenciais do galego non serían tamén típicas do portugués normativo? Son cuestións que parecen ter doada resposta, aínda que tales características gramaticais e lexicais correspondan a fenómenos hoxe estigmatizados pola súa obsolescencia.

Para o noso caso, é bon desexarmos que a obsolescencia non sexa nin o proceso nin a consecuencia do emprego da lingua. Non debemos favorecer que o uso dela vaia continuamente devalando ou que vaia facéndose cada vez máis próximo do español. Non podemos permitir nin que toda unha riqueza dialectal homóloga á do portugués desapareza dos labios das galegas e dos galegos nin, moito menos, que o propio idioma continúe a camiñar cara á desaparación. Non debemos, por tanto, esquecer a nosa lingua, xurdida nas dúas marxes do Miño e hoxe internacionalmente utilizada por millóns de persoas co nome de portugués.

Comentarios